O CONCELLO DE CERVO PRESENTA A PROGRAMACIÓN DA 41ª FESTA DA MARUXAINA, QUE ENCHERÁ SAN CIPRIÁN DE TRADICIÓN, MÚSICA E AMBIENTE FESTIVO O 8 DE AGOSTO
A cita, declarada de Interese Turístico Galego, contará cun amplo programa de actividades para todas as idades durante varios días.
O Concello de Cervo ultima os preparativos para celebrar a 41ª edición da Festa da Maruxaina, unha das citas máis emblemáticas do verán galego e unha festa declarada de Interese Turístico Galego que volverá converter San Ciprián no epicentro da tradición mariñeira, da cultura popular e da convivencia o sábado 8 de agosto.
Durante varios días desenvolverase unha programación pensada para todos os públicos, na que non faltarán a música de rúa, a gastronomía, os actos tradicionais e, como gran protagonista, a chegada da lendaria Maruxaina á Praia do Torno.
Como complemento ás actividades, desde o luns 3 ata o o xoves día 6, haberá tamén viaxes en barco aos Farillóns con saída desde o porto de San Ciprián de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas (luns e xoves); e martes e mércores só en horario de tarde, ofrecendo a oportunidade de coñecer desde o mar un dos espazos máis singulares da costa cervense.
O ambiente festivo irá medrando coa celebración da Pre-Maruxaina, o venres 7 de agosto, que comezará ás 19:00 horas co tradicional chupinazo na Praza Nardo Martínez. Haberá concentración de Maruxain@s, degustación popular de empanadas e bolos preñados e os xa tradicionais Cantos de Taberna, que percorrerán os locais hostaleiros da vila enchendo de música as rúas de San Ciprián. A xornada incluirá tamén o acto de nomeamento d@ Maruxain@ de Honra 2026, a cargo da asociación Amigos da Maruxaina. A xornada estará amenizada polo grupo A Rebolaxe.
O sábado 8 de agosto, día grande da celebración, arrancará ás 11:00 horas cun novo chupinazo e pasarrúas. Ás 12:00 horas celebrarase o desfile popular "Engaiolamos á Maruxaina", ao son do corno mariñeiro e das gaitas.
Ao longo da mañá serán a Charanga Tambukada, Louband Street Band, Os Charangos e a Charanga Santa Compaña as encargadas de poñer a banda sonora da festa, percorrendo as rúas e animando veciños e visitantes.
Xa pola tarde, ás 18:30 horas, a Praia do Torno acollerá os tradicionais Xogos da Maruxaina, organizados pola Asociación Mar de San Ciprián, con diferentes probas populares que cada ano reúnen a participantes de todas as idades.
O momento máis esperado chegará ás 23:00 horas, cando a Maruxaina desembarque na Praia do Torno acompañada polos mariñeiros, nun espectáculo único que volverá encher de emoción e simbolismo a noite cervense e que culminará cun espectáculo de fogos artificiais.
A continuación, coa colaboración de Amigos da Maruxaina e de Mar de San Ciprián, celebrarase o tradicional Xuízo Popular á Maruxaina, antes de iniciar o percorrido ata a praza, onde continuará a celebración, coa actuación tamén do grupo Folclórico de Mistura e cunha gran Queimada Popular na Praza dos Campos.
O peche da festa correrá a cargo do Grupo Elebe 2.0 e da Orquestra Arizona, que ofrecerán a gran verbena.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que "a Maruxaina é moito máis ca unha festa; é un sinal de identidade que forma parte da nosa historia”. Cada edición consegue implicar a centos de persoas, asociacións e colectivos que traballan durante meses para que San Ciprián volva vivir unha fin de semana inesquecible".
A rexedora subliñou tamén que "desde o Concello seguimos apostando por conservar a esencia dunha celebración que soubo medrar sen perder a súa autenticidade. Queremos que quen nos visite descubra unha festa diferente, nacida da tradición popular e da implicación dun pobo enteiro".
García Caramés aproveitou para convidar a veciños e visitantes a participar: "Animamos a toda a xente a achegarse a San Ciprián e vivir a Maruxaina con responsabilidade, respecto e ganas de gozar. Estamos convencidos de que volveremos demostrar por qué esta é unha das festas máis singulares e queridas de Galicia".
Co obxectivo de garantir o normal desenvolvemento de todos os actos, o Concello contará cun importante dispositivo de seguridade coordinado cos diferentes corpos e forzas de seguridade. Ademais, durante toda a celebración permanecerán operativos un Punto Lila e un posto de seguridade para ofrecer información, atención e reforzar a prevención.
Na presentación da cita, a alcaldesa, Dolores García Caramés, as concelleiras Mali Méndez e Pilar Armada, o edil Alfredo Fernández, xunto a representantes das diferentes asociacións que colaboran dun ou doutro xeito, Mar de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, Mulleres de San Ciprián, Mistura de Lieiro, A Anxuela e A Rebolaxe.