O CONCELLO DE CERVO REABRE O HISTÓRICO QUIOSCO DE JUANA COMO NOVO PUNTO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA INTERACTIVO

A emblemática instalación recupera o seu protagonismo no corazón de San Ciprián tras unha actuación que combina a conservación da memoria colectiva coa promoción turística do municipio.

A emblemática instalación recupera o seu protagonismo no corazón de San Ciprián tras unha actuación quE combina a conservación da memoria colectiva coa promoción turística do municipio.

No acto de apertura participaron Juana, que rexentou o quiosco desde o verán de 1969, a alcaldesa Dolores García Caramés, os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, a concelleira Mali Méndez, e a pedánea de San Ciprián, Toñita Casas.

O histórico quiosco de Juana volve formar parte da vida cotiá de San Ciprián. Tras a actuación impulsada polo Concello de Cervo para recuperar este espazo tan representativo da vila, este mediodía reabriu oficialmente as súas portas convertido nun moderno punto de información turística interactivo, mantendo intacta a esencia dun lugar que forma parte da memoria de varias xeracións de veciños e visitantes.

A rexedora destacou durante a apertura que "hoxe non inauguramos só un espazo renovado, senón que devolvemos á veciñanza un anaco da súa historia. Hai lugares que gardan recordos, conversacións e momentos compartidos, e este quiosco é un deles. Merecía seguir formando parte do presente e tamén do futuro de San Ciprián".

García Caramés lembrou que a recuperación desta instalación foi unha prioridade para o Concello desde hai anos. "Traballamos con ilusión para atopar a oportunidade de facer realidade este proxecto e hoxe é unha satisfacción comprobar que aquel compromiso se converte nun espazo vivo, aberto e útil para quen nos visita, pero tamén para quen sempre levou este lugar no corazón", afirmou.

A alcaldesa quixo dedicar unhas palabras de agradecemento a Juana pola súa implicación. "Nada disto sería posible sen a súa xenerosidade. A súa colaboración permitiu conservar un símbolo moi querido por todos, e é de xustiza recoñecer o papel que desempeñou durante tantos anos facendo deste quiosco un lugar único e cheo de vida".

A actuación permitiu recuperar a imaxe característica do antigo quiosco mediante unha nova estrutura que respecta a súa identidade e o seu valor simbólico, incorporando ao mesmo tempo recursos tecnolóxicos para ofrecer información turística de maneira autónoma e accesible.

O novo espazo conta con paneis e contidos interactivos, ademais dunha plataforma web accesible desde dispositivos móbiles, que permitirá aos visitantes descubrir o patrimonio, a historia, a cultura, as tradicións e os principais recursos turísticos do Concello de Cervo.

O proxecto, financiado a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Asociación Terras de Miranda no marco do programa LEADER, supuxo un investimento de 33.750 euros e inclúe tamén contidos específicos sobre a historia do propio quiosco, a súa importancia social e o seu papel como un dos espazos máis recoñecibles da identidade de San Ciprián.

Con esta actuación, o Concello de Cervo continúa avanzando na recuperación e posta en valor do seu patrimonio material e sentimental, demostrando que conservar a memoria tamén é unha forma de construír futuro.