O CONCELLO DE CERVO REFORZA A FORMACIÓN DO PERSOAL DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL EN SOPORTE VITAL BÁSICO E USO DO DESFIBRILADOR

A iniciativa ten como obxectivo reforzar a preparación dos profesionais para actuar con rapidez e eficacia ante posibles situacións de emerxencia, garantindo unha atención segura nun servizo no que o coidado e a protección dos máis pequenos son prioritarios.

O Concello de Cervo continúa apostando pola formación continua do seu persoal coa organización dun curso de reciclaxe e actualización en soporte vital básico e manexo do desfibrilador externo semiautomático (DESA), destinado nesta ocasión ao equipo da Escola Infantil Municipal.

A iniciativa ten como obxectivo reforzar a preparación dos profesionais para actuar con rapidez e eficacia ante posibles situacións de emerxencia, garantindo unha atención segura nun servizo no que o coidado e a protección dos máis pequenos son prioritarios.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata as instalación para compartir a sesión co persoal, e destacou que "investir na formación do persoal municipal é investir en seguridade e en calidade dos servizos públicos". Nese sentido, incidiu en que "a actualización permanente dos coñecementos en primeiros auxilios e soporte vital básico resulta fundamental para ofrecer unha resposta axeitada ante unha emerxencia sanitaria".

A formación combina contidos teóricos e sesións prácticas centradas nas técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), no uso do desfibrilador externo semiautomático e na aplicación dos protocolos de actuación recomendados ante unha parada cardiorrespiratoria, conforme ás últimas guías en soporte vital básico e desfibrilación.

O curso conta coa acreditación oficial da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e da Sociedade Española de Reanimación Cardiopulmonar (SERCP), entidades de referencia na formación en emerxencias sanitarias.

Desde o Concello de Cervo salientan que estas accións formativas permiten manter actualizados os coñecementos do persoal municipal e reforzar a capacidade de resposta ante situacións críticas, contribuíndo a ofrecer un servizo público cada vez máis seguro e preparado.