O CURSO DE MONITOR/A DE TEMPO LIBRE DO CONCELLO DE CERVO XA ESTÁ EN MARCHA CON 17 PERSOAS INSCRITAS
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse este mediodía ata unha das sesións para compartir unha xornada co alumnado e coa monitora do curso, Alicia, interesándose polo desenvolvemento da formación e animando aos participantes a aproveitar ao máximo esta oportunidade.
O Concello de Cervo xa ten en marcha unha nova edición do Curso de Monitor/a de Tempo Libre, integrado no programa Avívate IX, no que participan un total de 17 mozos e mozas que reciben formación teórica e práctica para obter a titulación oficial.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse este mediodía ata unha das sesións para compartir unha xornada co alumnado e coa monitora do curso, Alicia, interesándose polo desenvolvemento da formación e animando aos participantes a aproveitar ao máximo esta oportunidade.
Durante a visita, García Caramés puxo en valor a importancia desta iniciativa, orientada a facilitar novas oportunidades formativas e laborais para a mocidade.
"Este curso é unha excelente oportunidade para adquirir coñecementos e ferramentas que lles poden abrir as portas ao mundo laboral, pero tamén para medrar a nivel persoal. Agardo que aproveitedes cada sesión, que participedes activamente e que desfrutedes desta experiencia, porque todo o aprendido será de gran utilidade no voso futuro."
A rexedora tamén quixo agradecer o traballo da monitora encargada da formación.
"Quero recoñecer tamén a dedicación e o compromiso de Alicia, que está a acompañar ao grupo neste proceso formativo, facendo que as clases sexan dinámicas, prácticas e enriquecedoras."
O Curso de Monitor/a de Tempo Libre combina contidos teóricos con actividades prácticas, preparando ao alumnado para desenvolver o seu labor en campamentos, programas de conciliación, actividades culturais e deportivas ou iniciativas de educación non formal.
Desde o Concello de Cervo continuamos apostando por ofrecer accións formativas de calidade dirixidas á mocidade, favorecendo a adquisición de competencias, a empregabilidade e a promoción dun ocio educativo e saudable.