Sargadelos

Información

informacióninformación

Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos

O Conxunto Histórico-Artistico de Sargadelos foi declarado como tal o 18 de agosto de 1972 e inclúe os restos do complexo industrial fundado a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, ao levantar unha fundición de ferro e, a principios do XIX, as fábricas de louza e vidro.

A implantación da industria cerámica neste lugar non se debe ao azar, senón a riqueza natural en minas de caolín, materia prima fundamental para esta industria; á existencia de fragas, que facilitou o uso directo de madeira nos procesos industriais; e á proximidade do mar, que favoreceu o transporte.

Este conxunto está formado polos seguintes bens patrimoniais: A presa, restos das instalación siderúrxicas, Casa da Administración, Antiga Fábrica de Louza, Casa do Peso, Paseo dos Namorados, Pazo de Ibañez, Camiño Real, Igrexa de Santiago de Sargadelos e cemiterio.

A presa foi construída no 1791, para o seu aproveitamento industrial. Situada sobre o río Xunco, no que se atopan diversas construcións que aproveitaron a forza da auga e serviron para a elaboración de produtos de consumo. Seguindo a marxe do río pódese ver o "Paseo dos Namorados”.

En 1794 entrou en funcionamento en Sargadelos o primeiro dos altos fornos cos que ía contar a fundición, que foi evolucionando ata que se converteu nun complexo con dous altos fornos dotados de mecanismos de inxección de aire e catro fornos de calcinación. A fábrica producía cazolas, bombas, granadas, e metrallas.

Na actualidade, conservánse restos de varios fornos nas inmediacións da Casa da Administración e o Paseo dos Namorados.

A Antiga Fábrica de Louza levantouse no ano 1804, co fin de imitar a louza de Bristol, en Inglaterra. Foi pioneira no decorado mecánico e na louza estampada. Despois de permanecer pechada durante moitos anos, no século XX  experimenta un novo auxe, sendo os seus impulsores Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

A Casa do Peso construíuse ao mesmo tempo que a Fábrica de Louza, e a súa función foi a de pesar a louza para a sua venda. Trátase dun edificio illado, con muros de mampostería e cuberta de lousas. O pazo de Ibañez foi construído en 1804 para servir de residencia ao marques. É un pazo señorial, aínda que de estilo campesiño, de planta cadrada e cachotaría branqueada. A fachada principal é neoclásica e os seus balcóns foron realizados na fundición. A fachada posterior está precedida dun pequeño xardín e orientada ás instalacións da fábrica.

A estrada de peaxe ou Camiño Real foi construído en 1849, dende as Reais Fábricas ata o Porto de San Ciprián. Foi a primeira estrada de peaxe de España e a través dela chegaban ata o mar os productos manufacturados nas fábricas propiedade de Ibañez. A Igrexa de Santiago de Sargadelos levantouse entre os anos anos 1862 e 1865. O seu arquitecto foi D. Ignacio Ledo, baixo a dirección de D. Xosé Mª Noya.

É pouco habitual a realización dunha obra de autor de calidade no medio rural. Neste caso estivo motivada pola presenza das empresas e o prestixio da zona.

De gusto neoclásico, consta dunha nave cuberta con bóveda de medio canón sobre dous arcos faxóns, capela maior e dúas sancristías, e nas suas inmediacións atópase o cemiterio, importante pola existencia de sepulturas de interese artístico.

web sargadelos

Senda botánica

 

Senda botánica

Senda botánica

Fomentación biodiversidad

Centro de emprendemento de Sargadelos

O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos está ubicado no Antigo Edificio das Cabalerizas, reformado e acondicionado polo Concello de Cervo, con fondos procedentes da Xunta de Galicia, para a creación dun centro de artesanía e de actividades singulares adaptadas á contorna.

O novo centro comezou a súa andaina no verán do ano 2018; coa posta en marcha das primeiras actividades e hoxe en día os 6 locais habilitados están ocupados.con diferentes iniciativas que lle aportan un valor engadido a este paraxe.

HAI LARÁN, ESCAPE ROOM&ESPAZO CREATIVO. 

Espazo innovador que combina diversión, enxeño e creatividade. Ofrece unha experiencia única de escape room, na que os participantes deberán resolver enigmas, superar desafíos e traballar en equipo para cumprir distintas misións nun tempo limitado. Ademais, Hai Larán é un espazo creativo de ocio, pensado para todas as idades, onde se poden desenvolver actividades lúdicas, obradoiros e dinámicas de colaboración que fomentan a imaxinación, a creatividade e a diversión. 

CAFÉ BAR CULTURAL A SACABEIRA 

O Café Bar Cultural A Sacabeira, combina a hostalaría coa dinamización cultural. A súa actividade céntrase na oferta de servizo de cafetaría e bar con tapas e bebidas, nun espazo acolledor e complementa esta función cunha programación cultural variada. No local desenvólvense concertos de pequeno formato, exposicións, presentacións de libros, recitais poéticos, encontros veciñais e outras propostas que fomentan a participación social e o diálogo cultural. Desta maneira, A Sacabeira convértese nun punto de encontro comunitario, onde se unen gastronomía, ocio e expresión artística, sempre coa vontade de poñer en valor a cultura galega e crear espazos de convivencia. 

MARMELADAS A MORENA 

Obrador de mermeladas artesanais. Elaboran produtos con ingredientes ecolóxicos ou de proximidade, aproveitando froita de tempada, co obxectivo de potenciar sabores naturais, coidando valores como sustentabilidade, sabor auténtico, e calidade; cunha elaboración 100% artesanal. Ofrece visitas concertadas ao obradoiro, con degustación das diferentes variedades de marmeladas. Tamén ofrece probas acompañado de “maridaxes”: é dicir, combinar as mermeladas con outros alimentos que lles favorezan ou contrasten, para vivir mellor os sabores. Turismo Slow Dependendo da hora (mañá ou tarde), inclúen un brunch ou merenda acompañado das súas marmeladas. 

CABALIÑO DE PAO

Proxecto de ocio rural e educativo centrado nos animais (cabalos, burros, ovellas, canes de pastoreo), na convivencia coa natureza, e en ofrecer experiencias para nenos e familias na contorna de Sargadelos. Ofertan rutas a cabalo,  experiencias de convivencia cos animais da granxa, celebración de aniversarios, eventos familiares ou mesmo sesión de fotos e demostracións cos cans de pastoreo a nivel educativo, sobre o seu papel na gandeiría tradicional.

Esta instalación convertiuse neste tempo nun reclamo moi importante dentro do Conxunto Histórico Artístico; un atractivo máis neste enclave excepcional que aúna natureza, cultura, historia e unha riqueza paisaxística única en toda a contorna que non podes deixar de descubrir. 

No Conxunto Histórico Artístico tamén podemos atopar a antiga nave de fundición de Sargadelos, que data do século XVII. Esta foi restaurada no ano 2017 e cedida polo Concello de Cervo en 2020 ao artista Telmo Cao para acoller o seu obradoiro de forxa artística e escultura de metal, cuxa actividade veu enriquecer o Centro de Emprendemento de Sargadelos. Como complemento á actividade principal que desempeña no obradoiro, a través de visitas guiadas, as persoas interesadas na materia poden coñecer de cerca o traballo que desempeña diariamente o artista.

(Para concertar unha visita grupal ou para coñecer máis polo miúdo o seu labor pódese contactar con el a través da súa páxina web https://www.obradoiroscao.com/).

Centro de emprendemento

Galería centro de emprendemento