
Case a metade do lixo que xeramos nos nosos fogares está formada por materia Orgánica, cuxo destino habitual, no caso dos 294 Concellos adheridos a Sogama, son os contedores
convencionais, nos que tamén deben ser depositados os materiais non reciclables. Estes, xunto aos restos orgánicos, son sometidos a un proceso de valorización enerxética, transformándoos, con todas as garantías ambientais e para a saúde pública, en enerxía eléctrica, que logo pasa á Rede Eléctrica Nacional.
Agora ben, en determinados ámbitos do medio rural galego existe a posibilidade de transformar esta materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. O proceso resulta moi sinxelo, xa que se trata de recuperar unha práctica tradicional en Galicia, separando os residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.
É por isto que, dadas as particularidades do noso concello, os participantes neste programa de autocompostaxe poderán fabricar o seu propio compost, contribuíndo a:
- Reducir o volume global dos residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
- Eliminar ou, polo menos, minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos.
- Reducir a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos por parte dos servizos municipais, así como o custo económico que trae consigo a súa axeitada xestión e tratamento.
Copyright © por Concello de Cervo Derechos Reservados.