NOVAS NOVAS
« Atrás

A PISCINA OLÍMPICA MUNICIPAL COMEZA A TEMPADA CON 242 CURSILLISTAS E 800 SOCIOS/AS, SUPERANDO A

O Concello de Cervo fixo un importante esforzo inversor para mellorar o servizo neste último ano no que destinou máis de 62.000 euros para os traballos de mantemento que se executaron durante o verán e para a renovación integral do ximnasio, “o que supuxo un importante salto de calidade nesta instalación municipal”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, David Rodríguez, achegáronse esta mañá ata a piscina olímpica municipal onde, ademais de percorrer e supervisar o funcionamento das instalacións, compartiron un anaco cos monitores e monitoras e coas persoas usuarias do servizo.

O rexedor e o edil fixeron balance deste primeiro mes de funcionamento logo do verán e subliñaron o incremento da matrícula por segundo ano consecutivo, con 242 persoas asistentes aos diferentes cursos que se ofertan por grupos de idade (adultos, nenos/as e bebés) -17 máis que o ano pasado por estas datas-. Dentro de cada grupo establécense diferentes niveis en función da destreza do alumno, desde iniciación a perfeccionamento. Ademais, tamén se ofrecen actividades complementarias como Aquagym ou o servizo de sauna e ximnasio.

Villares e Rodríguez tamén fixeron reconto do número de socios da instalación, que a día de hoxe rolda os 800, unha vintena máis que o curso pasado neste mesmo mes.

A maiores todos os venres acoden á piscina uns 50 nenos e nenas das ANPAS dos dous colexios do municipio, que teñen a inscrición de balde. “A filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto desde as idades máis temperás; e con ese obxectivo ofrecemos de balde ás ANPAS do noso municipio os diferentes cursos de natación para os pequenos e pequenas”, tal e como precisou Villares.

O alcalde e o concelleiro destacaron, así mesmo, o investimento que se fixo neste último ano nas instalacións cunha inversión que superou os 60.000 euros procedentes dos fondos municipais, dirixida fundamentalmente aos traballos de mantemento que se executaron durante o verán -lavado a presión do vaso e das paredes da piscina, rexuntado do pavimento e das plaquetas, reposición das deterioradas- e, sobre todo, á renovación integral do ximnasio que supuxo 45.000 euros para actuar na cuberta, na estrutura e no piso e para a adquisición de nova maquinaria, “co que conseguimos un salto importante na calidade destas instalacións municipais”.

Aquelas persoas interesadas no servizo poden, ou ben achegarse ata as instalacións, ou ben chamar ao número de teléfono 982.59.45.12, para recibir máis información.

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa