NOVAS NOVAS
« Atrás

BASES REG. DA CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DOS PREMIOS DO KARAOKE POLA IGUALDADE

O Concello de Cervo, consonte ao previsto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (en adiante, LXS), Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, e no que sexa de aplicación, os RD 887/2006, de 21 de xullo e Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, e ao obxecto de dar difusión e incentivar a participación cidadá nos actos programados para o Día da Muller, establece as normas reguladoras da participación, as axudas económicas e dos premios que se outorgarán aos participantes que interveñan nos citados actos, de acordo coas seguintes bases:

 

PRIMEIRA.- DEFINICIÓN DO OBXECTO

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do procedemento aplicable para o outorgamento dos premios do Concurso de Karaoke pola Igualdade 2023 organizado polo Concello de Cervo.

 

SEGUNDA.- REQUISITOS DOS PARTICIPANTES

Poderá participar no concurso e ser beneficiario destas axudas calquera persoa.

A organización, se así o considerase preciso por cuestións que afectasen á calidade do concurso como pode ser un exceso de participantes, pode establecer un límite ao número de inscricións, pechando a mesma cando o considerase oportuno.

A documentación a presentar será a seguinte:

-Ficha de inscrición establecida ao efecto

-Copia do N.I.F. do concursante ou do seu titor legal, para o caso                               de menores de idade.

A ficha de inscrición deberá presentarse persoándose nas dependencias do Concello, no Rexistro municipal. O prazo normal para inscribirse no Concurso remata o día 10 de marzo de 2023 ás 15:00 horas. Tamén poderá realizarse a inscrición o mesmo día do concurso, ante os traballadores do Concello que participen en tal condición na organización do acto. Non obstante, para os ensaios previos ao concurso terán preferencia os inscritos antes nas dependencias do Concello e tomarase en todo caso en consideración a súa orde de inscrición.

A restante documentación poderá presentarse de xeito simultáneo á ficha de inscrición ou, en todo caso, con carácter previo ao acordo de concesión dos premios. Serán rexeitados aqueles participantes que aínda constando como beneficiario dun premio na acta asinada polo xurado do concurso, non entreguen a documentación que se recolle neste artigo antes do acordo de concesión.

 

TERCEIRA.- TEMAS MUSICAIS A INTERPRETAR

Os/as inscritos no concurso poderán escoller unha canción composta ou popularizada por mulleres, dentro da lista facilitada pola organización. Se algún concursante desexa participar cunha canción que non estea incluída dentro da citada lista, poderá facelo presentando a súa propia. Non obstante, se por cuestións técnicas a canción aportada non resultase reproducible polos medios técnicos da organización, o concursante deberá escoller outra canción da lista da organización.

Unha vez escollida a canción coa que se concursará, esta non se poderá cambiar agás no caso de problemas técnicos que impedisen a correcta reprodución, podendo así o concursante escoller outra canción.

 

CUARTA.- PROCEDEMENTO

O órgano competente para a instrución do procedemento, así como para a realización de cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se basee a proposta de resolución, será a concelleira delegada de Servizos Sociais e Igualdade. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión Avaliadora formulará a proposta de resolución provisional, na que expresará o cumprimento dos requisitos e a relación nominal dous premiados por orde decrecente e por categorías.

A Comisión Avaliadora, que actuará como Xurado, estará composta pola concelleira delegada de Servizos Sociais e Igualdade, que será substituída en caso de ausencia pola concelleira delegada de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Sanidade e Policía Local, así como por representantes dás seguintes asociacións colaboradoras na realización do evento que actuarán como vocais:

-Asociación de Amas de Casa Alborada.

-Asociación de Mujeres de San Ciprian.

-Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras.

-Asociación Mujeres en Igualdad de Cervo.

Un traballador do Concello actuará de secretario da Comisión Avaliadora aos efectos de redactar e subscribir a ata. Para a válida constitución do mesmo será necesario que concorran ao mesmo a Presidenta, o secretario/a e polo menos 2 vocais. A Comisión Avaliadora levantará ata das súas deliberacións e elevará a proposta de concesión ao alcalde a través do órgano instrutor na que se concretará individualmente para cada beneficiario/a o cumprimento dos requisitos e o premio proposto.

O órgano competente para a concesión das axudas será o alcalde, previo informe da Intervención municipal. O acordo de concesión ou denegación será motivado, quedando constancia no expediente dos fundamentos da resolución que se adopte.

 

QUINTA.- CRÉDITO ORZAMENTARIO

A contía máxima destinada aos presentes premios é de 875 euros € (partida 338.48936 do Estado de Gastos do Orzamento Municipal). A contía máxima dos premios establécese en 150 € sen que ningún participante poida recibir mais dun premio simultaneamente.

 

SEXTA.- PREMIOS

Haberá tres categorías: Peques, iunior e veteranos. En cada unha destas categorías premiarase a “Mellor voz” (2 premios) e “Mellor caracterización”. No primeiro caso, para a concesión do premio, o xurado atenderá á calidade da voz, modulación ou entonación. No segundo caso valorarase o vestiario, maquillaxe e aspectos similares.

·Peques

Poderán participar nesta categoría os menores de 12 anos.

-Premio á “Mellor voz” (2 premios): 75 euros.

-Premio á “Mellor caracterización”: 50 euros.

 

·Iunior

Poderán participar nesta categoría as persoas que teñan 12 anos ou máis e que non cumpriran os 18 anos.

-Premio á “Mellor voz” (2 premios): 100 euros.

-Premio á “Mellor caracterización”: 75 euros.

 

·Veteranos

Poderán participar nesta categoría as persoas que teñan 18 anos ou máis.

-Premio á “Mellor voz” (2 premios): 150 euros.

-Premio á “Mellor caracterización”: 100 euros.

A contía dos premios anteriores é líquida. De acordo co RD 439/2007, de 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre a Renta das Persoas Físicas, non están suxeitos a retención ningún dos anteriores premios.

 

SÉTIMA.- ENTREGA DE PREMIOS

Unha vez resolto polo alcalde o expediente, en base á ata da Comisión Avaliadora e á proposta de resolución do órgano instrutor, realizarase o pago dos premios por transferencia bancaria, previa presentación polos premiados da certificación bancaria de titularidade da conta onde desexan que se lles realice o mesmo (da que deberán ser titulares). No caso de menores, o pago será realizado ao seu titor ou representante legal.

 

OITAVA.- PUBLICIDADE

O extracto desta convocatoria publicarase no Boletín Oficial da Provincia e na Base Nacional de Subvencións.

As bases reguladoras da convocatoria publicaranse no taboeiro de anuncios do Concello, na páxina web do concello (www.concellodecervo.com) e estarán a disposición dos interesados no Rexistro Xeral do Concello de Cervo, Praza do Concello s/n, Cervo.

 

NOVENA.- PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

A presentación da ficha de inscrición supón a aceptación incondicional das presentes bases e das condicións, requisitos e obrigas contidas nestas. A concorrencia ao proceso de concesión de subvencións implicará a manifestación tácita do consentimento inequívoco ao tratamento de datos de carácter persoal e a súa publicación de acordo co previsto na Lei Orgánica 15/99, de 13 de decembro, de Protección de datos de carácter persoal. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente á xestión e tramitación do expediente correspondente.

 

DÉCIMA.- INFORMACIÓN AOS BENEFICIARIOS DOS PREMIOS

Con carácter xeral, os premios están incluidos no ámbito de aplicación da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, polo que o Concello de Cervo é un órgano obligado a facilitar información da concesión dos presentes premios á Base de Datos Nacional de Subvencións. Igualmente, con carácter xeral, non obstante o establecido na Base Quinta (non existe obriga de practicar retención por ser inferiores a 300,00 euros), os premios están suxeitos ao IRPF segundo o establecido no artigo 75.2 do RD 439/2007, de 30 de marzo, sendo a Axencia Estatal da Administración Tributaria un dos órganos cesionarios dos datos rexistrados na Base de Datos Nacional de Subvencións en virtude da colaboración coa Administración Tributaria que establece o artigo 20 da Lei 38/2003, de 17 de novembro.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 4 do RD 130/2019, polo que se regula a Base de Datos Nacional de Subvencións e a publicidade das subvencións e demáis axudas públicas, no será obrigado subministrar por parte do Concello información das resolucións de concesión dos premios nin do pago dos mesmos sempre e cando o importe anual outorgado a un mesmo beneficiario non supere a contía total de 100,00 euros.

 

O alcalde

Alfonso Villares Bermúdez.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa