NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO COMEZA AS OBRAS DE MELLORA DA PRAZA DO SOUTO E DA RÚA DA ALDEA, EN CERVO

A actuación conta cun investimento municipal próximo aos 300.000 euros

  • Esta obra asumida con fondos propios, vén sumarse aos traballos de acondicionamento de varias rúas da vila que están xa en fase avanzada, e que contan cun orzamento de medio millón de euros, mobilizados pola Xunta de Galicia

 

O Concello de Cervo vén de iniciar as obras de mellora integral da Praza do Souto, e dun tramo da Rúa da Aldea, en Cervo.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, estiveron supervisando a actuación que conta cun orzamento próximo aos 300.000 euros (289.250 euros concretamente); todos eles procedentes de fondos municipais, froito do remanente de tesourería; e que ten como obxectivo “mellorar, embelecer e facer máis confortable esta zona do centro neurálxico de Cervo, tan frecuentada polos veciños deste núcleo, que de por si ten moitísimo encanto; que se verá reforzado con esta nova actuación necesaria para fixar e asegurar a superficie deteriorada”.

Villares desagregou polo miúdo o proxecto que consiste na renovación do pavimento, creando no caso da Rúa da Aldea espazos diferenciados para os peóns e o tráfico rodado; renovarase a rede de sumidoiros, independizando a recollida de augas residuais e pluviais. Ademais, tamén se renovará a rede de abastecemento de auga, e melloraranse as redes de alumeado público, de telefonía, e de suministro eléctrico, substituíndo o tendido aéreo en superficie por unha canalización soterrada, eliminando así o impacto visual do cableado. Tamén se instalará, así mesmo, novo mobiliario urbano e incidirase no concepto da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas.

A obra enlaza cos traballos de acondicionamento que se están a levar adiante en varias rúas do núcleo de Cervo, e que xa están en fase avanzada. Unha actuación que, precisamente foi supervisada vai uns días pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; xa que nese caso a actuación está sufragada pola Administración autonómica, que inviste medio millón de euros.

Con estas dúas obras complementarias, o núcleo de Cervo, quedará, pois, completamente renovado e humanizado para desfrute da veciñanza.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa