NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO ORDENA A DEMOLICIÓN DO ESQUELETO DA ATALAIA

Villares: “haberá que agardar os prazos que fixa a lei para resolver o expediente, pero seguimos a dar pasos en firme para lograr o noso obxectivo que é o de recuperar toda esa zona e devolvela ao seu estado orixinal, poñendo en valor o Castro da Atalaia”

É o seguinte trámite, logo de que xa fose declarada a caducidade da licenza e decretada a reposición da legalidade urbanística, que ratifican que as obras iniciadas no seu día non poden continuar porque están á marxe da legalidade

O Concello de Cervo vén de ordenar a demolición do esqueleto ubicado na Rúa do Faro, de San Ciprián, na zona da Atalaia.

Así o anunciou hoxe o rexedor, Alfonso Villares, quen precisou que agora haberá que esperar o prazos que fixa a Lei para resolver o expediente “pero estamos a dar pasos en firme e seguimos traballando para logar o noso obxectivo, que non é outro que o de recuperar toda esa zona e devolvela ao seu estado orixinal, poñendo en valor o Castro da Atalaia”, que foi inventariado por Patrimonio no ano 2007.

Villares explicou que nestes días foi resolto o expediente de reposición da legalidade urbanística –iniciado en febreiro de 2019- que nos permite seguir avanzando no procedemento logo de que en decembro de 2018 xa declararamos a caducidade da licenza urbanística que lle fora outorgada no seu momento a Promociones San Ciprián S.L; “estes trámites ratifican que as obras iniciadas non poden continuar ao non existir ningún permiso en vigor que as ampare; a construción, pois, xa non está avalada por ningún título xuridíco-administrativo; está á marxe da legalidade”.

O rexedor precisou que a orde de demolición deberá ser executada nun prazo de tres meses; e en caso de incumprimento por parte dos propietarios, procederíase á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, reiterables periodicamente ata que se leve a cabo a orde, cunha contía que iría de 1.000 a 10.000 euros.

O Concello de Cervo xa redactou, ademais, un Plan Especial de Protección do Castro que delimita toda a zona afectada e regula a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superfie a preservar; e fixa as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido, entre outos aspectos.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa