NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO PRESENTA O PROGRAMA DO FESTIVAL DE SARGADELOS

Música, actividades de emprendemento empresarial e deporte mistúranse os días 24, 25, 26 e 27 de Xullo no Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos.

Ortiga e Ricky Hombre Libre son os pratos fortes dos concertos do sábado.

Sargadelos acollerá do 24 ao 27 de xullo un Festival multidisciplinar que contará con actividades pensadas para todos os públicos.

A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, pola edil de Cultura, Dolores García Caramés, polo edil de Turismo, David Rodríguez Pernas, e por unha representación da Asociación Cultural Amigos da Troula, que coorganiza a actividade.

Tal e como explicaron “deseñamos un completo programa co obxectivo de facer gozar a veciños e visitantes de catro días de ocio e diversión”.

O Festival ábrese o mércores 24 de Xullo co Trail Solidario 6KM de Sargadelos. O prazo de inscrición remata este domingo, ás 00:00 horas.  Xa que correr é de balde, a cambio pídese unha pequena doazón de alimentos que vai destinada a unha ONG.

Ao acabar a carreira comeza a II Espetada Moura, onde se porán á venda espetadas mouras a prezos populares. Para rematar a xornada haberá verbena a cargo da orquestra Kalima 3.0 e Disco Móbil Blanco y Negro.

O Xoves 25, haberá sesión vermú a cargo do Dúo Eclipse a partir das 14h, rutas a cabalo a partir das 17:00h da man de Cabaliño de Pao e Foliada Tradicional a partir das 20:00h cos grupos Airiños do Xunco, Mistura, Rebolaxe e Ledicia. Ao remate haberá foliada libre.

O venres 26 comezan dúas xornadas de emprendemento empresarial coa proxección do documental Startup.com e o obradoiro de cociña para nenos Cociñando con Bolboretas no Bandullo. Pola tarde haberá unha degustación de marmeladas a cargo de A Morena e un obradoiro de ioga “respira, mantente, relax”. Para rematar a xornada haberá unha festa hawaiana a partir das 21:00h.

O Sábado 27 continúan as actividades de emprendemento con un obradoiro de motivación empresarial de 10h a 13h, unha charla networking sobre industria alimentaria ás 13h e unha cata de cervexas artesás a cargo de A Ribeira, acompañada dunha degustación de produtos do Mar, a cargo de Currimar Conservas Tradicionais; ás 14h durante o concerto de Crooner 432.

Pola tarde os obradoiros de robótica e atrapasoños poñen o punto e final ao programa de emprendemento e deixan a testemuña aos concertos de Batuko Tabanka, Eu Son Band, Sintrom Ni Son, The Tetas Van, Ricky Hombre Libre e Ortiga. Pechará a noite unha disco móbil.

O sábado pola mañá haberá tamén un posto de sensibilización ambiental onde se farán actividades de concienciación co medio ambiente e a importancia da conservación patrimonial.

Para inscribirse na carreira e nos obradoiros de robótica, motivación empresarial e Cociñando con Bolboretas no Bandullo hai que mandar un correo electrónico a adatroula@gmail.com co nome, dni e a data de nacemento.

Villares quixo poñer en valor o esforzo e a dedicación “deste grupo de rapaces do noso Concello que, de xeito totalmente altruísta, lograron completar un programa que nos fará desfrutar, de seguro, a todos”.

Desde a organización animan a veciños e visitantes a participar nos actos programados dentro das Festas de Santiago Apóstolo en Sargadelos.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa