NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO PROGRAMA UNHA COMPLETA AXENDA PARA ESTAS FESTAS DE NADAL

Haberá cine, concertos, actividades para as crianzas e para a mocidade, maxia, exposicións… e por suposto moitas sorpresas protagonizadas por  Papá Noel e os Reis Magos

Moitas das actividades foron programadas en colaboración con diferentes entidades do municipio

O Concello de Cervo, en colaboración con diferentes asociacións do municipio, programou para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas para todo tipo de público, que foi presentada esta mañá polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pola edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por membros das asociacións Airiños do Xunco e Fervenza de Sargadelos, así como da organización do II Mercado de Nadal de Sargadelos, que se celebrará xa este sábado, 19 de decembro, entre as 12:00 e as 20:00 horas na Sala de Exposicións de Sargadelos. A iniciativa está promovida por Serea Sufboards, Pasiños na Lúa e Marmeladas A Morena, coa colaboración do Concello de Cervo.

O 21 de decembro será a inauguración da exposición das postais de Nadal que participaron no concurso programado cada ano pola delegación de Cultura, e tamén se presentará ao público o belén de plastilina que este ano estará formado por figuras elaboradas polos/as nenos/as que desexen participar na súa casa; teñen ata o vindeiro venres, 18 de decembro, para entregalas na Casa da Cultura ou na Casa do Concello. Tanto as postais como o belén poderán visitarse na Casa da Cultura, ata o 8 de xaneiro, en horario de 9:00 a 15:00 horas.

O 22 de decembro, está previsto que os paxes de Papá Noel visiten ao alumnado dos dous colexios de Cervo e aos/ás nenos/as da Escola Infantil Municipal. Tamén estamos a preparar unha videochamada personalizada gratuíta con Papá Noel. Os/as pequenos que desexen falar con el poden inscribirse ata o 17 de decembro na plataforma www.nadal2020.es. Logo do rexistro, concretarase a data e hora da conexión con Papá Noel.

O xoves 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 17:30 horas no salón de actos do Concello de Cervo con “Contos e outras Andrómenas” de Pedro Brandariz; non faltará a visita de Papá Noel.

O 26 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá ás 19:30 horas, un concerto de Nadal da man da agrupación Lucus Ensemble.

 

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O 5 de xaneiro os pequenos da casa poderán compartir un anaco coas Súas Maxestades de Oriente nunha recepción que terá lugar na Casa da Cultura en San Ciprián, entre as 16:00 e as 19:00 horas; respectando sempre todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19; a continuación os Reis Magos achegaranse ata Cervo para recibir ás crianzas no salón de actos, desde as 19:30 horas; tamén haberá unha actuación infantil; programada pola asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello de Cervo.

Xa o 2 de xaneiro haberá maxia da man de Román García, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, o 3 de xaneiro Caxoto deleitará aos pequenos co seu conto “paxe real” ás 12:30 horas no salón de actos do Concello de Cervo; e o 4 de xaneiro terá lugar o espectáculo de títeres “Gaela quere ser druída” de Marionetas Trécola.

Teatro e Xuventude

O cine será tamén protagonista este Nadal coa proxección de cintas infantís e xuvenís o 28 e 29 de decembro; e o 7 de xaneiro.

Para a mocidade tamén hai actividades pensadas para estas datas como un láser tag o 29 de decembro; que se desenvolverá no Pavillón da Veiga, en horario de 16:00 a 20:00 horas; por quendas e baixo inscrición previa. Do mesmo xeito, o 30 de xaneiro haberá un Escape Room cos mesmos requisitos, ubicación e horario.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio; sempre respectando as medidas de prevención e cumprindo os protocolos de seguridade establecidos.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa