NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO PROGRAMA UNHA COMPLETA AXENDA PARA ESTAS FESTAS DE NADAL

 O CONCELLO DE CERVO PROGRAMA UNHA COMPLETA AXENDA PARA ESTAS FESTAS DE NADAL

 

 

  • Haberá cine, concertos, deporte, maxia... e, por suposto, non faltarán as visitas de Papá Noel e dos Reis Magos
  • Moitas das actividades foron programadas en colaboración con diferentes asociacións do municipio

Cervo, 18 de decembro de 2021.- O Concello de Cervo programa para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas a todo tipo de público; que foi presentada na tarde de onte polo alcalde Afonso Villares, o edil de Turismo, David Rodríguez, a concelleira de Cultura, Dolores García, a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polos representantes das diferentes asociacións que promoven e colaboran coa organización de varias das citas previstas - Fervenza de Sargadelos, Airiños do Xunco, Escola de Artes Marciais de Cervo, grupo de teatro Bordelo e a asociación de veciños de San Román-.

A programación iníciase este sábado 18 de decembro coa celebración do II Mercado de Nadal no Complexo Histórico e Artístico de Sargadelos. A xornada celebrarase de 11:00H a 20:00H e haberá diferentes actuacións culturais ao longo do día.

O deporte tamén será protagonista este Nadal da man do XIII Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu. A cita será o sábado 18 de decembro ás 17:00 horas no Pavillón da Veiga.

Xa cara a noite, ese mesmo día, Carlos Mariano interpretará “Las canciones de tu vida”, dentro do ciclo de concertos de O Son do Nordeste, ás 20:30H, baixo a carpa da Praza do Souto.

Para o martes 21 de decembro, recibiremos pola mañá a visita anticipada de Papá Noel que se achegará aos colexios da man da delegación de Cultura.

Á tarde terá lugar o concerto de nadal. A actuación comezará ás 20:30H no Auditorio da Casa da Cultura.

O mércores 22, a programación irá sobre raís co Tren de Nadal na Praza dos Campos. A actividade terá un horario de 11:30H a 14:00H pola mañá e de 16:30H a 20:30H pola tarde. Xa cara a noite, o mago Jorge Manchado ofrecerá un espectáculo para todos os públicos, ás 20:30H, no Auditorio da Casa da Cultura.

Na xornada do xoves 23 repite o Tren de Nadal na Praza dos Campos, tamén en horario de 11:30H a 14:00H e de 16:30H a 20:30H. Para esa mesma tarde o grupo Píscore ofrecerá un espectáculo musical para público de todos os grupos de idade.

No día de noiteboa a Asociación Fervenza de Sargadelos e o Concello celebran a Festa de Noiteboa Infanitl na Praza do Souto. O evento arrincará ás 17:00H e contará co espectáculo infantil “Animaxia”. Ademais, haberá unha chocolatada, fotomatón, sorteos e unha visita moi especial: Papá Noel! Colabora O Caseto de Copa.

O domingo 26, dentro do ciclo de concertos “A Caixa de Música”, o grupo Lucus Esemble ofrecerá un Concerto de Nadal baixo a carpa da Praza dos Campos. A cita dará comezo ás 13:30H.

O luns 27 o Apalpador visitará o pavillón de San Román. O acto está aberto a todo o público a partir das 17:00H. Organiza a Asociación de Veciños de San Román e colaboran Concello de Cervo e a Comunidade de Montes de San Román.

Esa mesma tarde na Praza do Souto, ás 19:00H, haberá un espectáculo de maxia organizado polo Concello, no que colabora Airiños do Xunco; e ás 20:00H, no Auditorio da Casa da Cultura, haberá un “Micro Aberto” para todos aqueles talentos que queiran mostrar as súas dotes musicais.

O martes 28 a xuventude cobra protagonismo co “Laser Tag”, no pavillón da Veiga, a partir das 16:30H. Xa cara a noite, ás 19:30H, proxectarase unha película no Auditorio da Casa da Cultura.

O mércores 29 de decembro, a xuventude volve ser o epicentro do programa co “Deslizador”, no pavillón da Veiga a partir das 11H. Xa pola tarde, haberá unha proxección dunha película xuvenil no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30H.

O xoves 30 de decembro repite o “Deslizador”, no pavillón da Veiga a partir das 11H.

Abrimos a programación do ano novo, o domingo día 2, co ciclo de concertos “A Caixa de Música”. Os Carunchos actuarán no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 13:30H.

Para o luns día 3 está programada a Festa Infantil na Praza do Souto de Cervo, a partir das 17:00H, na que colabora Airiños do Xunco. O martes 4 celebrarase a tradicional Festa Acuática gratuíta na Piscina Municipal, a partir das 17:00H.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O 5 de xaneiro os pequenos da casa poderán compartir un anaco coas Súas Maxestades de Oriente nunha recepción que terá lugar na Casa da Cultura en San Ciprián, desde as 18:00H; a continuación os Reis Magos achegaranse ata Cervo para recibir ás crianzas no salón de actos, desde as 19:00 horas.

Por último, o sábado 8 de xaneiro, o grupo de teatro Bordelo presenta a obra de Francisco Piñeiro: “Pandemiga”. A función comezará ás 19:30H no Auditorio do Concello de Cervo.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa