
O CONCELLO DE CERVO REFORZA A ILUMINACIÓN NA ZONA DE XOGOS DA PRAZA DOS CAMPOS
Instaláronse novos farois de tecnoloxía LED que melloran notablemente a visibilidade e tamén a seguridade en toda esta zona tan transitada do centro de San Ciprián
O investimento supera os 10.000 euros procedentes de fondos municipais
O Concello de Cervo vén de reforzar substancialmente a iluminación na zona de xogos da Praza dos Campos e da céntrica rúa Beiramar, en San Ciprián, coa instalación de varios novos farois de tecnoloxía LED. A actuación supuxo un investimento que supera os 10.000 euros procedentes de fondos municipais.
O rexedor, Alfonso Villares, e a tenente alcalde Dolores García Caramés, acompañados por técnicos municipais, achegáronse ata o lugar esta pasada noitiña coincidindo co acendido das novas luminarias para comprobar in situ a mellora que supoñen para esta zona constatando "o incremento notable da visibilidade e tamén da seguridade en toda esta contorna tan transitada pola veciñanza".
A nova instalación vai en consonancia coa filosofía do Concello de Cervo que aposta así pola enerxía máis limpa, sustentable e eficiente en cada nova actuación que se promove no municipio.