
O CONCELLO DE CERVO SERÁ A SEDE DO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE PIRAGÜISMO NAS CATEGORÍAS K1 E
A cita deportiva será o sábado 27 de abril, no Encoro de Río Cobo
- Está prevista a participación de máis de 300 palistas
- Segundo precisou Villares “traballamos conxuntamente co Club Deportivo San Ciprián e coa súa sección de piragüismo para poder traer esta regata ao noso municipio porque cremos que repercutirá moi positivamente na nosa zona pola cantidade de xente que move”
O Concello de Cervo será a sede do Campionato Galego Infantil de Piragüismo nas categorías K1 e C1.
A cita deportiva, que se disputará no Encoro de Río Cobo e que prevé reunir a máis de 300 palistas de máis de 30 clubs galegos, foi presentada polo alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, pola directiva do Club Deportivo San Ciprián, Cristina Barreira, polo responsable da sección de piragüismo, Iván González, e por varios adestradores e rapaces que integran este departamento.
Tal e como precisou Villares “levamos moitos meses traballando man a man co Club Deportivo San Ciprián e coa súa sección de piragüismo para poder traer esta regata a Cervo, porque desde o minuto un vimos que era unha boa oportunidade para a nosa zona, e cremos que o retorno será importante pola gran cantidade de xente, de familias, que move; ademais –precisou- é unha boa ocasión para dar a coñecer todos os atractivos que pode brindar o noso Concello ás persoas que nos visiten”.
A regata terá lugar desde as 11:00 horas, e tanto desde o Concello como desde o Club San Ciprián, convidan a presenciar este evento deportivo nun escenario de excepción, como é o Encoro de Río Cobo, unhas instalación únicas na provincia que recordemos que foron empregadas para adestrar polo medallista olímpico David Cal.