NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO SUMARÁ DESPOIS DO VERÁN A PRIMEIRA PISTA DE ATLETISMO HOMOLOGADA DA MARIÑA

O proxecto, cuxo orzamento ascende a 560.000 euros, será cofinanciado pola administración local e a Xunta de Galicia

  • Este xoves está previsto a aprobación en pleno ordinario dunha modificación orzamentaria para facer fronte á renovación do complexo, por un importe de 210.000 euros, procedentes do Remanente Líquido de Tesourería “un investimento ao que podemos facer fronte grazas á xestión responsable das arcas municipais”, precisou o rexedor

  • O alcalde e o edil de Deportes presentaron o proxecto ante os representantes de diferentes clubs, entidades e centros de formación da comarca vencellados a este deporte


O Concello de Cervo contará despois deste verán coas primeiras pistas de atletismo homologadas da Mariña, grazas á materialización do convenio de colaboración subscrito entre a administración local e a Xunta de Galicia, a través da secretaría xeral para o Deporte, que cofinanciarán a renovación das pistas existentes no complexo deportivo da Veiga.

Así o anunciou o rexedor, Alfonso Villares, que, en compañía do edil de Deportes, David Rodríguez, compartiu esta mañá os pormenores do proxecto con representantes de diferentes e clubs e centros de formación da comarca vencelladas ao deporte, e que nestes intres xa están a facer uso regular das instalación existentes; Olga Vicente e Fernando Fernández en representación do Club Deportivo San Ciprián, Rubén Piñeiroa, do club de atletismo de Lourenzá, Xosé Manuel Rubal, mestre de Educación Física do IES Marqués de Sargadelos, e Salvador López, coordinador do Ciclo de Grao Superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva (TSEAS), no IES Monte Castelo de Burela.

Tal e como apuntaron Villares e Rodríguez, este mesmo xoves será aprobada en pleno ordinario unha modificación orzamentaria para facer fronte á renovación do complexo, por un importe de 210.000 euros, procedentes do Remanente Líquido de Tesourería “un investimento ao que podemos facer fronte grazas á xestión responsable das arcas municipais”.

Polo tanto –engadiu Villares- podemos dicir que xa contamos co orzamento necesario para poder executar esta obra que “permitirá situar a Cervo como epicentro do atletismo na Mariña grazas á optimización dos recursos xa existentes”, porque o Concello xa conta cunha instalación de 400 metros de lonxitude e 6 rúas, que foi inaugurada no ano 1994.

O edil de Deportes, David Rodríguez, explicou que está previsto que nos vindeiros meses comecen as obras de adecuación da instalación que consistirán “na renovación da pavimentación da pista con material sintético homologado, na mellora da rede de saneamento evacuación de augas e na adecuación da infraestrutura para as probas de salto de pértega, carreiras de obstáculos, salto de altura, salto de lonxitude, triplo salto e lanzamento de peso”.

As novas pistas homologadas da Veiga, tal e como apuntou no seu momento o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que destacou a idoneidade da localización “darán servizo a todos os atletas e deportistas de Cervo, da Mariña, de Lugo e de todos os galegos e galegas que queiran facer deporte nunha instalación de primeiro nivel”. Coa nova pista, “Cervo e a Mariña occidental situaranse como referentes do deporte na provincia de Lugo” -sentenciou-.

 

 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa