
O CONCELLO DE CERVO VÉN DE ADQUIRIR NOVO EQUIPAMENTO PARA TENTAR MINIMIZAR O IMPACTO DA VELUTIN
Trátase dunha marcadora de paintball que dispara cápsulas para eliminar os niños que están a unha altura imposible de alcanzar coa pértega
Decidiuse investir neste novo dispositivo, que ten un custe que rolda os 3000 euros, logo de comprobar a súa eficacia en vivo
O Concello de Cervo continúa a poñer todo o que está ao alcance da súa man para tratar de minimizar o impacto da avespa velutina no termo municipal.
Nesta ocasión, a Administración local vén de adquirir novo equipamento para eliminar os niños que están a maior altura, inalcanzables coa pértega da que se dispón.
En concreto, e logo de comprobar en directo vai dez días a súa eficacia, o Concello vén de mercar unha marcadora de paintball, que supuxo un investimento de preto de 3000 euros, que dispara cápsulas que conteñen insecticida e que penetran nos niños de ata 40 metros de altura, provocando a súa perda de actividade.