Publicador de contidos Publicador de contidos
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO XA TEN OS DISTINTIVOS DE XESTIÓN AMBIENTAL POLA PRAIA DO TORNO E O SENDEIRO

 O municipio foi o único galego que obtivo a distinción temática en información e educación ambiental e recibiu a felicitación expresa do presidente da Xunta “pola súa aposta pola educación ambiental e a concienciación dos galegos do futuro”

  • A edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, participou no acto institucional e recolleu os galardóns
  • A carpintería de Ribeira de Paco FrA foi recoñecida como Centro Azul

A edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazouse hoxe ata a Coruña, para participar no acto institucional de entrega das bandeiras azuis.

Cervo foi o único concello galego que obtivo a distinción temática en información e educación ambiental, pola praia do Torno; xunto ao areal de Arona, en Tenerife e ao de Barbate, en Cádiz. Un recoñecemento que vén ligado “á aposta pola información detallada e actualizada nos múltiples paneis que instalamos na contorna do areal sobre a calidade da auga ou sobre o servizo de socorrismo, nos que se inclúe tamén a táboa de mareas ou unha predición meteorolóxica a curto prazo; así como recomendacións e consellos sobre reciclaxe ou indicacións para os bañistas en materia de prevención de accidentes”, apuntou a edil.

Nos últimos meses tamén se sinalizaron as dunas da Praia do Torno con paneis que destacan a súa importancia e as razóns que existen para protexelas.

Para a obtención desta insignia tamén se tiveron en conta, así mesmo, as actividades de concienciación que se desenvolven na contorna; como foi, por exemplo, a Semana do Medio Ambiente, na que participaron os nenos e nenas o pasado verán.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou expresamente no seu discurso ao noso Concello “pola súa aposta pola educación ambiental e a concienciación dos galegos do futuro”, apuntou.

Por outra banda, a Praia do Torno recibiu un ano máis o distintivo da bandeira azul pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.

O “Sendeiro Azul” do Torno tamén conta con esta insignia, por terceiro ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.

Ademais, este ano, tamén foi recoñecida como Centro Azul a carpintería de Ribeira de Paco Fra “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.

Méndez amosouse satisfeita por estes recoñecementos que constatan que o traballo que estamos a facer desde o Concello de Cervo en materia ambiental vai no bo camiño; “e anímanos a seguir a traballar na liña de lograr a excelencia dos nosos recursos naturais, incidindo nas políticas de concienciación e respecto ambiental, promovendo hábitos responsables entre a cidadanía, para manter a nosa contorna na mellor das condicións para uso e desfrute de todos e todas”.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa