Fillos Adoptivos Fillos Adoptivos

MANUEL FRAGA IRIBARNE

(Vilalba, 23 /11/ 1922 – Madrid, 15 /01/ 2012)

Nomeado fillo adoptivo deste Concello na sesión plenaria celebrada o 3 de decembro de 1964, sendo rexedor Arcadio Pardiñas.

Manuel Fraga Iribarne foi un político español, diplomático e catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional; doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas.

A súa traxectoria política desenvolveuse dende os anos cincuenta do século XX ata o ano 2011, ocupando case ininterrompidamente cargos de relevancia política e institucional. Foi ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969; vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación entre decembro de 1975 e xullo de 1976; e presidente da Xunta de Galicia entre 1990 e 2005.

Ademais de deputado e senador durante moitos anos, foi un dos pais da actual Constitución española de 1978; fundador do partido Reforma Democrática, embrión de Alianza Popular e, á súa vez, do actual Partido Popular de España; e candidato á presidencia do Goberno de España entre 1977 e 1986.

Ademais de polos seus múltiples cargos públicos, o político vilalbés Manuel Fraga pasará á historia por ser un dos primeiros fillos adoptivos nomeado por numerosos concellos da Mariña. Tras o seu falecemento, o 15 de xaneiro de 2012 aos 89 anos, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asinou un decreto con varias actuacións pola súa condición de fillo adoptivo. Así, durante dous días as bandeiras ondearon a media hasta e con crespón negro en sinal de loito e o día despois do seu falecemento quedaron suspendidos os actos públicos do Concello. O rexedor tamén transmitira as súas condolencias no nome do pobo á familia de Fraga.

Non só o Concello cervense nomeara fillo adoptivo ao vilalbés en 1964. A acta da sesión extraordinaria presidida por Arcadio Pardiñas recolle a aprobación do regulamento de Honores e Distincións. No mesmo documento explícase que a distinción outorgada por Cervo a Manuel Fraga coincide cos acordos adoptados polas corporacións municipais de Ribadeo, Barreiros, Foz, Xove, Viveiro e O Vicedo, que recoñeceron publicamente os méritos «que concorren na persoa» de Fraga.

Os daquela alcaldes dos concellos da fronte litoral decidiron entregar conxuntamente o nomeamento «coa fin de que a amplitude do mesmo sexa considerado en todo o longo e amplo desta costa».

A costa das mil praias

Na acta tamén se recolle o acordo da reunión de responsables municipais que se celebrou o 29 de novembro daquel ano para nomear a Fraga fillo adoptivo en varios concellos, para apoiar a creación dunha oficina de turismo en Ribadeo e promocionar a costa co lema «Las mil playas de la costa verde lucense».

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa