A PESCA DA BALEA A PESCA DA BALEA

Os primeiros datos escritos sobre a caza de baleas remóntase aos séculos VIII e IX, se ben o seu grande apoxeo chegou no XIII e XIV.

A caza das baleas en Galicia estaba moi influenciada pola presenza dos vascos, que chegaban seguindo os cetáceos dende o seu litoral.

Para cazalas, escudriñábase o mar dende atalaias costeiras e, tras divisar os seus sopros, alertábase á poboación. Entón, en pequenas barcas ou chalupas botadas dende a costa, os mariñeiros remaban ata o lugar indicado e con arpóns de man cazaban, primeiro ás crías, tanto por ser máis doado como para evitar que as nais fuxisen, movidas pola ansia de recuperar aos seus descendentes.

Se por algo debe de ser recoñecido San Ciprián, é por ser berce da pesca da balea, que acadou o seu momento álxido nos séculos XVI e primeira metade do XVII, cando se pescaban ao redor de 30 exemplares anuais neste porto.

Esta actividade deu lugar a un proceso xudicial en 1527 debido á arribada ao porto, coa consecuente oposición do pobo, dunha nave baleeira mandada polo capitán Juan de Chaves e chamada "San Nicolás".

Segundo consta documentalmente no arquivo de Viveiro, a pesca e o comercio da balea era un negocio moi lucrativo naquela época, o que incitaba a baleeiros vascos a vir ás augas da mariña lucense, ao escasear estes cetáceos nas súas costas.

Neste negocio tamén entrou a igrexa. En 1547 ditouse unha sentenza pola que se lle había de pagar ao bispo a décima parte de todas as baleas que se matasen nos portos de Burela, San Ciprián e Bares. O dezmo pasaría á Real Fábrica da Catedral de Mondoñedo.

Esta pesqueira era tan frutífera que daba traballo a moitos mariñeiros da zona. Isto motivou a creación de sociedades, como a que fixeron co deán de Mondoñedo, Antonio Ramos e Alonso López en 1641, en representación dos mariñeiros de San Ciprián. Esta sociedade baleeira contaba con catro lanchas: tres de San Ciprián e unha biscaíña.

Esta pesca entrou en decadencia na segunda metade do século XVII e foise extinguindo, ao tempo que desaparecían as baleas das nosas costas. Aínda así, este fenómeno deixou a súa pegada en forma de topónimos. Deste xeito, atopamos no concello nomes como Atalaia ou Punta Baleeira, situada na enseada de San Ciprián.

 

Baleeira de Morás (Concello de Xove)

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa