
No Medievo, ademais da colocación dos pasais de pedra que permitían cruzar o río dunha beira a outra, construíuse unha ponte de pedra para o paso dos animais e dos peóns en marea alta, e cun estilo arquitectónico en imitación a aquelas que fixeran os romanos.
Así, foi erguida unha ponte con feitura semellante ás da época romana e que aínda se poden ver hoxe noutros concellos como Cangas de Onís (Asturias), Navia de Suarna (Lugo), etc...
Ten unha altura máxima de 9,5 metros, aínda que os peitorís foron colocados ou renovados no século XIX, tal e como demostra que as canteirías estean unidas con grampas de ferro, como era costume no pasado século e se pode ver na presa de Sargadelos.
O único ollo ten forma oxival, sendo o galibo ou altura máxima de 8,25 m e a luz ou distancia entre piares de 8,40 m.
No piar da marxe dereita do río, nunha das canteirías, está gravada unha serpe e outra semiborrada, que sería a firma dalgún canteiro, característica propia do románico, así como reforzar con contrafortes ou lombardas os piares como amosa a ponte.
A anchura máxima é de 3,10 m, o que permitía o paso de vehículos de ata 2,36 m de ancho, xa que os peitorís teñen un espesor de 37 cm cada un.
Esta ponte foi restaurada no ano 1986 polo Concello de Cervo.
Por esta ponte transcorría un dos camiños reais da parroquia: o da Costa, que viña por riba das casas de Pedrosa e pasaba pola Cruz e logo pasaba dos Corrales á Rozavella e dalí seguía para a Parroquia de Lago.