
O porto de San Ciprián está situado tras o arquipélago dos Farallóns, e posúe dous lugares para fondear: o porto de Alúmina e o dique Anxuela, nas inmediacións do faro da punta Atalaia. Ambos os dous están situados a unha milla entre si.
A uns 400 metros ao norte do dique da Anxuela, hai unha pedra chamada "Leixón de Vendaval".
Durante séculos, San Ciprián foi utilizado como porto e fondeadoiro, posiblemente dende os albores da humanidade, posto que sabemos que este lugar estivo habitado na prehistoria por asentamentos que, xa daquela, consumían produtos do mar.
Documentos do século XIV referidos a este porto proban que xa nese momento eran famosos os seus estaleiros, nos que se construían carabelas.
En 1933, o chamado porto era en realidade un abrigado fondeadoiro para buques de mediado porte formado polo illote Anxuela e a península de San Ciprián. Pese ás súas boas condicións naturais, carecía de obra ningunha que permitise realizar con comodidade as operacións de carga e descarga de pesca e mercadorías. O illote Anxuela facía ás veces de dique natural, proporcionando un grande abrigo.
A parte máis segura, onde hibernaban case a totalidade dos vapores de pesca da provincia, estaba situado dentro da pequena ría que desemboca na Praia do Torno. Pero a escaseza de auga que había na súa barra só permitía a entrada de barcos de tres metros de calado, aproveitando as mareas cheas. Unha vez dentro, o único inconveniente era o de quedar seco coa baixamar.
Era indubidable que, como mínimo, conviña construír en San Ciprián un peirao-embarcadoiro onde puidesen atracar os barcos de cabotaxe. É así como empezan as obras portuarias, a partir da década de 1930.
No ano 1968 comézase co proxecto de terminación do dique da Anxuela, unhas obras coas que se pretendía mellorar as condicións naturais de abrigo do illote Anxuela, recrecéndoo cun muro dique e creando un fondeadoiro para a frota pesqueira.
A orientación do dique estaba acondicionada polas obras iniciadas había máis de 20 anos.
A solución adoptada consistiu na construción dun muro dique de 250 metros de lonxitude sobre as obras xa existentes, con fábrica de cachotaría hidráulica, e cimentado sobre rocha.
No 2003 realízanse melloras de abrigo neste porto coa construción dun espigón de protección de 26 metros de longo e 5 de ancho para protexer ao peirao dos temporais.
Na actualidade o porto de San Ciprián está formado por un peirao de ribeira de 120 metros de liña de atraque, con calados inferiores a 4 metros.
Sinalar que este porto tivo o tope máximo de embarcacións con base a finais dos anos 60 con 103 buques.