DESTINO DAS REMESAS DESTINO DAS REMESAS

Os envíos de diñeiro e as obras sufragadas polos emigrantes nos lugares e aldeas de Galicia son unha pegada histórica máis doada de detectar, medir e valorar cás remesas invisibles. Máis importantes foron as remesas económicas privadas, destinadas á economía familiar campesiña, coa que axudaban a mercar leiras, adquirir gando en propiedade, levar a cabo melloras e investimentos na explotación e na casa familiar, e un longo etcétera.

Outro fenómeno que particulariza a colectividade galega dentro do contexto do asociacionismo hispánico en América foron as solidariedades locais, que perviviron ao longo do tempo e tiveron, no seu comezo, un carácter máis inmediato e vinculante cás "rexionais" ou "nacionais". Isto reflectíase e tiña causa ao tempo na propia estrutura das cadeas migratorias, así como na reprodución dos lazos de paisanaxe na América para a procura de emprego, protección inmediata ao recén chegado, espazos para lecer,etc.

As pautas asociativas dos emigrantes galegos alén do mar traduciron en boa parte unha xerarquía de lealdades e identidades, sen consideralas contraditorias. O emigrado a Cuba ou Arxentina tendía a buscar a compaña dos seus paisanos. En definitiva, a pervivencia desas sociedades locais e o promedio alto de retornos, xunto ao xeralmente curto período de estadía dos emigrantes, foron factores que favoreceron o mantemento dos vencellos coas comunidades parroquiais ou municipais de nacemento. Estas unións canalizáronse a través da orientación das sociedades dos emigrados en América que a partir de comezos do século XX terán como máximo obxectivo a coordinación dos esforzos para levar a cabo diversas iniciativas no país de orixe. As sociedades de instrución son, en realidade, unha denominación xenérica para as sociedades microterritoriais; pero en puridade esta norma reservábase só a aquelas asociacións que tiñan como finalidade sobranceira dotar de escolas aos seus lugares de orixe. Dentro delas tamén cabía incluír moitas sociedades con fins de recreo ou mutualistas, mentres as sociedades de carácter cultural ou artístico-musical adoitaban ter como referente territorial o conxunto de Galicia e a provincia nalgúns casos.

Para ser dirixente dunha sociedade de instrución precisábase cumprir dous "requisitos": unha posición económica acomodada e un prestixio derivado tanto da posición económica na sociedade receptora como da posesión dunha determinada formación. Presidir unha sociedade de instrución reportaba un inmediato recoñecemento simbólico e non todos os seus directivos habían ser industriais ou comerciantes de éxito. A fundación e dotación de establecementos educativos nos seus lugares de orixe foi a principal finalidade destas sociedades, que se plasmou en varias zonas de Galicia. Durante o primeiro terzo deste século fundáronse 225 escolas primarias nas aldeas de Galicia grazas ao financiamento das sociedades microterritoriais, ás que pertencen os nosos protagonistas e algún chega a presidir: o desenvolvemento dunha actividade de protección mutualista dos seus asociados en base a un vencello de solidariedade local e que cubrise sobre todo, casos excepcionais como repatriación e norte. Fomentar a cultura e a instrución primaria nos seus lugares de orixe, mediante o aporte financieiro á construción de escolas. Prestar outras axudas económicas destinadas á construción de obras públicas.

Emilia García López
Herminia Pernas Orozco

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa