
A súa evolución demográfica durante todo o primeiro terzo do século XX caracterizouse por un "decrecemento" ou crecemento cero que pasa a ser negativo no ano 1930 respecto ao número de habitantes rexistrados en 1900. A parroquia con máis poboación era Lieiro e a de menos, Sargadelos, pero todas contaban cunha característica común que era a perda de efectivos demográficos ao longo de todo o período, moi acusada nos casos de Cervo e Lieiro ou ben, de forma gradual como sucedía en Castelo e Rúa. Pola contra, Sargadelos e Vilaestrofe amosaban á altura de 1930 unha manifesta recuperación. A única parroquia que conseguiu escapar desta dinámica foi a de Burela, que sin ter uns efectivos numerosos, gañaba sempre poboación co paso dos anos. Esta situación de non crecemento mantense ata mediados de século e a ela contribuíron o incesante fluxo migratorio xunto coa carencia absoluta de innovacións económicas nos sectores primario e secundario.
Ao longo de todo este período a actividade económica predominante no concello foi a agricultura, erguida en protagonista nas parroquias do interior (Castelo, Cervo, Rúa, San Román de Vilaestrofe e Sargadelos) e case que tamén na costeira de Burela, onde os veciños que "ían ao mar" aínda non eran mariñeiros a tempo completo. Esta circunstancia debíase a que Burela carecía dun porto natural abrigoso para as súas embarcacións (traíñas de remos e tarrafas a vela ás que se engadiron a partir de 1910 os primeiros barcos a vapor) que tiñan que ancorar na zona da praia. A perigosidade que este feito representaba durante o inverno facía que as embarcacións burelenses invernasen nos portos naturais de Foz e San Ciprián (Lieiro), abrigosos de por sí ao contrario do de Burela, moi metido no mar aberto. O despegue da actividade pesqueira pasaba, pois, pola construción dun porto de refuxio. No conxunto do concello a preeminencia económica correspondíalle á parroquia de Lieiro debido á importancia do seu comercio marítimo. O seu porto (San Ciprián) estaba habilitado para aduana e para o comercio de exportación e importación.
Por el saían o peixe salgado (para Valencia, sobre todo), madeiras para as minas de Asturias e carbón vexetal e entraban o sal de Cádiz, viño de Vigo,etc. Contaba esta parroquia cun aserradoiro, varios carpinteiros de ribeira e catro fábricas de salgadura ademais dun número considerable de mariñeiros e pescadores.
ANOS | BURELA | CASTELO | CERVO | LIEIRO | RÚA | SARGADELOS | VILAESTROFE | TOTAL |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1900 | 778 | 556 | 1027 | 1259 | 448 | 259 | 309 | 4636 |
1910 | 810 | 521 | 1007 | 1306 | 445 | 273 | 440 | 4802 |
1920 | 931 | 477 | 967 | 1170 | 455 | 252 | 425 | 4677 |
1930 | 1026 | 420 | 716 | 1166 | 455 | 272 | 477 | 4532 |