A EMIGRACIÓN EN CERVO A EMIGRACIÓN EN CERVO

É por todos coñecida a rica bibliografía sobre os movementos migratorios galegos cara América, tanto nas diversas etapas cronolóxicas en que se teñen desenvolvido como tamén nos diferentes ámbitos e niveis espaciais. Con todo, a provincia de Lugo quizais resulte a menos favorecida neste "reparto" polo que se pretende sinxelamente arroxar un pouco de luz sobre unha zona concreta da Mariña que é o Concello de Cervo.

Como ben sinala Eiras Roel, a emigración non é unha condición privativa do pobo galego senón un destino que comparte con outros pobos hispánicos dende a época da emigración en masa que se inicia no derradeiro cuarto do século XIX.

A emigración galega revelouse como a maneira de producir uns recursos que á altura de 1830-40 xa non xeneraba o sistema produtivo galego. A ampliación da superficie cultivada e a absorción que a terra facía da poboación chegaran á súa fin mentres que continuaba inalterable o sistema de herdanza da riqueza rústica, igualitario de forma predominante. No campo imperaba a pequena propiedade (minifundismo) xunto coa decadencia e liquidación da produción téxtil, e nas cidades os enclaves industriais eran moi escasos e non puideron absorber a forza de traballo excedente da agricultura. Desta situación dedúcese un baixo nivel de vida, escaseza de traballo e, en definitiva, unha necesidade económica que podía ser absoluta ou relativa e que proporciona a partir de entón os elementos necesarios para que se produza o fenómeno migratorio, comezando nos anos 40 do século XIX e que acadaría as súas cotas máis altas a partir das décadas 60 e 80 coa crise da economía tradicional galega.

Outra causa que pesaba moito á hora de emigrar era a chamada a filas. Pero xunto a estes "factores de expulsión" que predispoñían ao futuro emigrante para a marcha son necesarios uns "factores de atracción" que remataban por telo decidido, e os que accedían de moi diferente maneira, segundo fose a súa posición económica e as súas redes de información e relación. Referímonos ás políticas poboacionistas dos diferentes países americanos coa pretensión de encher os seus grandes baleiros demográficos. Unha vez tomada a decisión de cruzar o Atlántico precísase iso que algúns autores adoitan de chamar "mecanismos posibilitadores" da emigración. Entre estes, o máis importante é o custo da pasaxe, financiada en boa medida grazas ao predominio dunha estrutura agraria formada por pequenos propietarios campesiños, o que lles permitía dispoñer dalgún ben que poder hipotecar ou vender. Non ocupa un inferior lugar a adquisición de información que o futuro emigrante recibe a través de cadeas migratorias que funcionan como factores de información, de financiamento e de inserción do emigrante no novo país. Estas cadeas son as responsables de que determinados lugares e comarcas escollan un destino común para o seu establecemento.

A tipoloxía do emigrante galego nesta zona de Galicia (Concello de Cervo) está caracterizada por ter poucos foros e menos pazos e mosteiros e que compensa o abandono estatal en materia educativa coa dotación cultural que lle chega da emigración. A ésta contribuiron indianos como José Álvarez Fernández, Manuel Candia López, José María Fernández Montenegro ou Emilio Rodríguez Eijo, que manisfestaron o seu apoio nos eidos cultural e industrial (construción de escolas, estradas e axudas ao desenvolvemento do sector pesqueiro) ademais de ter participado na vida política municipal. Tamén se lles debe a modificación da paixase rural coa construción de grandes e fermosas casas, que non contaban con precedentes na arquitectura da zona.

O Concello de Cervo por aquel entón estaba formado polas parroquias de Burela, Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, Sargadelos e Vilaestrofe.

 

Carteira de Identidade do Emigrante

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa