
VEXETACIÓN
O Concello de Cervo presenta dúas zonas claramente identificables: a costa e o interior; esta variedade de hábitats permite a existencia de diversos ecosistemas. Ao mesmo tempo, o municipio atópase no corazón da Mariña, onde atopamos unha grande riqueza vexetal. Destacan, por unha banda, as turbeiras das zonas altas do Xistral, onde hai endemismos e vexetación de grande valor ecolóxico, e por outro lado as masas boscosas de piñeiros e eucaliptos, e que foron substituíndo ó bosque autóctono. No caso do municipio de Cervo, o Concello ten en marcha dende hai anos un proxecto de reforestación con especies autóctonas que está levando a cabo en terreos públicos co obxectivo de estender a proliferación dunha masa forestal atlántica propia da zona e libre de especies invasoras.
Volvendo ás variedades arbóreas da comarca, tamén quedan restos de albedros xa cara á costa, loureiros e sobre todo monte baixo, matogueira e/ou prados aproveitados para a crianza de gando cabalar, vacún e ovino. Outras comunidades de menor importancia pola pequena extensión que ocupan en conxunto son as asociadas aos pequenos regatos que atravesan a zona.
FAUNA
A composición da fauna vertebrada en Galicia vén determinada pola súa posición xeográfica (encrucillada entre dous mares), pola súa variada orografía e pola evolución climática. O illamento do territorio galego facilitou a aparición de poboacións diferenciadas ou endemismos, proceso que se aprecia especialmente nos grupos con escasa capacidade de propagación, como anfibios e réptiles. Actualmente, existen en Galicia especies eurosiberianas maioritariamente, onde encontran o límite suroccidental da súa distribución, así como especies de orixe claramente africana e endemismos propios de Galicia e da Península Ibérica. É destacable a importancia da situación de Galicia para a migración de moitas especies de aves, ben como ruta de paso ou como área de invernada ou estiada. A humanización do medio na zona de estudio, cos cambios que produce (repoboacións forestais, apertura de pistas, incendios, etc..) causan a aparición e desaparición de hábitats cos conseguintes cambios na distribución e abundancia de especies e nas relacións entre estas. En Galicia atópanse como residentes ou nidificantes un total de 262 especies de vertebrados, dos cales 12 son peixes de augas continentais, 15 son anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos. A estes hai que engadirlles as 296 especies mariñas listadas no inventario ambiental galego. No que ao Concello de Cervo se refire, a franxa costeira presenta abundancia de aves acuáticas, especialmente durante a época invernal e nos desprazamentos migratorios, así como aves rapaces e lavandeiras. E entre as especies fluviais destacan a troita común, a lamprea e o reo.