PALEOLÍTICO EN GALICIA PALEOLÍTICO EN GALICIA

Paleolítico ven significar Pedra Antiga, e representa o período máis longo da existencia do ser humano, indo dende hai 2.85 millóns de anos ata hai 12.000. Algúns dos grandes avances da humanidade xa tiñan lugar aquí, como podería ser o poboamento completo do planeta (como o home naceu en África e chegou a América sen barco ningún continúa a ser debatido a día de hoxe) ou a desaparición do humano de Neandertal fronte ó Homo Sapiens.

Durante moito tempo, os historiadores e arqueólogos consideraban que este período non existira en Galicia, ó non atopar resto arqueolóxico ningún que se correspondese con unha idade tan afastada no tempo. Isto débese non tanto a que creran que a nosa terra non tivera poboadores por aquel entón, senón tamén a que o nivel de acidez nas terras é moi alto, o que fai que calquera proba daqueles anos quede deteriorada moito máis axiña ca noutros territorios. Os castros dos que sempre estamos a falar corresponderían a unha etapa máis avanzada, relacionada máis con comunidades sedentarias que con xente Nómada, e traballando o metal en lugar da pedra. Porén, co tempo, comezaron a aparecer os primeiros xacementos que demostraron o contrario. Un dos máis coñecidos atopámolo por exemplo en Louselas (Ribadeo) e os obxectos atopados nel corresponden ó Paleolítico inferior (hai 300.000 anos). Para sorpresa de todos, no concello de Cervo apareceron un gran número de útiles que poderían corresponder con este período, facendo que o noso patrimonio histórico medre enormemente no tempo.

 

Como eran estes primeiros “poboadores de Galicia”? Se as cronoloxías son correctas e as ferramentas corresponden co paleolítico inferior, estes humanos eran moi diferentes de nós, sendo en realidade unha especie distinta coñecida como Homo Heidelbergensis. Posuían unha maior robustez ca o homo sapiens, a cal veríase incluso máis incrementada na súa evolución a home de Neandertal. Como podedes ver na seguinte foto, existe unha gran diferenza no cranio, o que demostra que o seu rostro é radicalmente distinto (Gran espazo entre as moas, as órbitas son grandes e redondeadas e a parte frontal da cara proxéctase cara a fóra).

 

Foto Cráneo Heidelbergensis.


  

Foto Rostro Heidelbergensis.

 

Durante a etapa desta especie, producíronse diversos cambios climáticos relacionados cos ciclos glaciares, quedando os montes de toda Europa cubertos por frías estepas. Sabemos que o Heidelbergensis habitou este tipo de ecosistema, se ben tamén probablemente a súa poboación quedou moi reducida cando chegaban estes períodos glaciares.

 

O tipo de sociedade era de cazadores recolectores, e probablemente moi relacionada cos animais que o propio territorio podía producir. Polo tanto, a súa dieta probablemente incluíra cervos e xabaríns. Así pois, estamos a falar dunha Galicia moi diferente á nosa, xa que entre os fósiles atopados en diferentes puntos do territorio chegouse a dar con cornos de rinoceronte ou incluso con colmillos de elefante.

 

 

OS ÚTILES DE PALEOLÍTICO ATOPADOS E QUE PODEDES VER NA EXPOSICIÓN.

 

Os útiles, expostos na entrada mesma do edificio do Concello, foron atopados en diferentes lugares da Mariña. Algúns dos sitios máis comúns inclúen Rio Covo, Castelo, Lieiro e Trasbar. Estes útiles son pedras usadas como ferramentas, que poderían aínda hoxe levar a cabo o traballo para o que foron modificadas. Os arqueólogos e historiadores denominamos este tipo de industria como Musterniense, ó ter aparecido por primeira vez no abrigo rochoso de Le Moustier (Francia).

 

O primeiro que nos chama a atención polo seu tamaño son os núcleos de Lascas. Unha lasca é calquera produto de talla intencional polo ser humano extraído dunha rocha, desprendéndose da masa pétrea e adquirindo unha forma cortante. Sabemos que os tallistas prehistóricos escollían rochas duras como materia prima, que tiveran unha estrutura amorfa pero tamén homoxénea, para que durante a talla se producíran ondas vibratorias que fracturaran a parte que querían extraer da rocha. As lascas eran útiles cunha gran versatilidade e a capacidade dos artesáns prehistóricos para darlles as formas que eles precisaban, fan que estas lascas sirvan de soporte para calquera tipo de útil de pedra tallada. Desde artefactos moi antigos e sinxelos ata coitelos.

 

 

Foto núcleo Lasca.

 

Unha das máis coñecidas ten o nome de Biface, e ten por obxectivo cortar, raspar ou perforar outros materiais. Son pedras de gran dureza, sendo as atopadas maioritariamente de cuarcita. O biface era tallado polas dúas caras para obter así unha forma triangular cunha base semicircular que facilitara o traballo.

 

 

Foto Biface.

 

Podemos ver tamén unha variación do biface denominada como Fendedor. Posúen unha arísta transversal. Esta variedade baséase no tipo de modificación dos bordes da peza ou do fío transverso. O seu uso ponse en relación coa tarefa de Fender grandes osos, ou como ferramenta coa que rachar e recoller raíces.

 

Foto Fendedor.

 

Tamén son moi comúns os Choppers, que é un útil sobre un canto rolado labrado unifacialmente no extremo da peza. Este é o máis antigo realizado polo home, e as súas variedades veñen determinadas polo contorno do extremo labrado, podendo ser tanto apuntado como redondeado. O seu uso relaciónase co raspado e co corte, sendo un útil de uso polivalente.

 

Foto Chopper.

 

 

 

AS POSIBILIDADES DUN FUTURO PARA DESCUBRIR O PASADO.

 

Aínda queda moito por descubrir respecto a este período da nosa historia. O feito de que exista un depósito tan grande de útiles de Cuarcita no pantano de Rio Covo, fainos pensar que poderíamos atopar moitas máis cousas á parte destas ferramentas xa aparecidas. Ademais, non temos que limitarnos soamente á prehistoria, posto que non debemos esquecer que existe un castro xunto ó faro que demostra que a vida do noso concello leva sendo desenvolvida dende hai miles de anos. Tampouco podemos esquecer a existencia doutros que están sen recoñecer ó longo de toda a Mariña. As investigacións móstrannos que existen dous castros no pantano de Rio Covo, ademais dun petróglífo atopado na entrada do pantano. Todo isto depende de nós e do esforzo do noso traballo, tanto para descubrila como para preservala.

 

O día 23, o Concello de Cervo organizará unha exposición e unha charla para que poidamos preguntar as nosas dúbidas e aprender máis desta etapa prehistórica. ¡Esperamos vervos alí a todos!

 

 Foto Exposición Xeral

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

El Ayuntamiento de Cervo también está contigo en las redes sociales. Sigue toda su actividad a través de estos canales y participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa