
Hoxe propoñémosvos botarlle un ollo a algo moito máis sinxelo e cunha cronoloxía non tan afastada da nosa, retornando aos tempos dos nosos avós e avoas. Un Cervo rural onde a relación a carón dos animais era máis común, aínda que non tan diferente para algúns ao continuar tendo ao máis leal deles como gardián, mellor amigo e compañeiro inseparable.
Falamos, por suposto, do can.

O can leva convivindo con nós dende fai máis de 11.000 anos, atopándose o fósil máis antigo en Bélxica e chegando a datar de máis de 30.000 anos. Moito choveu dende aqueles tempos, onde humano e lobo fixeron un pacto biolóxico que permitiu que ámbolos dous sobreviviran aos arduos invernos da Prehistoria. “Ti busca co fuciño onde se agocha o cervo e despois cazámolo nós. Cando todo remate, repartimos a comida. ¿Paréceche?”. Se ben a caza deixou de ser algo que necesitemos para sobrevivir, aínda podemos ver Sabuesos e cazadores nos montes de Rúa ou Galdín.
Hoxe é complicado camiñar por calquera dos nosos pobos sen atopar un can. Ben sexa paseando, ben ladrando dende unha finca. Correndo detrás dun pau pola praia do Torno, ou cheirando o rastro dalgún xabaril en Lieiro. Fagan o que fagan, todos os donos están convencidos de posuír ó mellor deles, e o certo é que ningún está equivocado.
¿Cambiaron os cans ao longo da Historia de Cervo? Ninguén dubida de que a resposta é afirmativa. Non teñen nada que ver os animais que percorren hoxe as nosas rúas cos que posiblemente acompañaron aos habitantes do Castro que hai no Faro, nin tampouco con aqueles que alimentaban os primeiros traballadores da fábrica de Salazón que atopamos ao final da praia de Cubelas.
Sen embargo atopámonos co problema de que, se ben podemos imaxinar que eran diferentes, non podemos facer descrición algunha deles. A historia é unha ciencia que non aporta tantos cartos como a medicina ou a economía, polo que aínda resulta máis difícil atopar a alguén daqueles anos preocupado por deixar información rexistrada algunha sobre os animais.
Porén, o arquivo do concello garda documentos antigos de todo tipo. E foi aquí onde apareceu gardado nunha carpeta un conxunto de documentos pertencentes a 1962 como parte dun programa de loita contra a rabia, coa que podemos descubrir datos canto menos curiosos.

Parece ser que a rabia chegou a converterse nun problema moi grave na España dos anos 60, especialmente a canina, por ser unha das especies capaces de transmitir o virus ás persoas. Os efectos son tan aterradores como o cine e as historias de medo acostuman a ensinarnos en películas como Kujo (gran agresividade, salivación excesiva e espumosa e contaxio cunha soa mordedura). Polo tanto, elaborouse nesta década un censo e un programa para proceder a unha campaña de vacinación. Afortunadamente para os nosos avós, ningún dos cans da nosa zona padecía a enfermidade.
O problema respecto a este censo como fonte historiográfica é que non se apunta a raza dos animais, quedando soamente limitado aos nomes que os donos escollen poñerlle. Aínda así, podemos obter información de como era a xente de Cervo naqueles anos. Por exemplo, atopamos un conxunto de nomes moito máis casteláns respecto aos nosos días, como poderían ser Navarro, Leal, Tesoro ou Sutil, por non falar dalgúns que directamente resultan graciosos, como Criminal, No sé, Calzado ou Cruel.
Hoxe en día, os nomes de can máis usados segundo a Voz de Galicia son Thor para os machos e Lúa para as cadelas. Se ben o primeiro amosa como o cine americano inflúe xa non só en como vemos o mundo senón xa de como o facemos, Lúa é un nome moito máis galego ca maioría dos que atopamos no censo; algo que nos confirma que aínda que sexa nestas pequenas cousas, a nosa lingua continúa medrando.
Outra cousa que tamén chama a atención é a cantidade de nomes relacionados coa cultura rusa (ou neste caso da historia soviética), como poderían ser Troski, Zar ou Lenin; esta cuestión, tamén ampliada ao debate historiográfico Español, pode ser interpretada ben como admiración ou ben como desprezo á cultura comunista. Tendo en conta que estamos a falar dos anos do Franquismo, o máis probable é que teñamos que escoller a segunda; da mesma forma, máis dun diría que existe un pequeno compoñente racista en nomes como Moro, Morito ou Sultán, pero as interpretacións xa son cousa de cada un.
¿Que podemos saber das razas? Xa que o censo non as inclúe, debemos confiar na memoria histórica como mellor ferramenta para sabelo. A maioría dos veciños parecen estar de acordo en que o can de Palleiro, a nosa raza autóctona, era a máis común. Estamos falando dun tempo onde primaba a produtividade, polo que os veciños precisaban un can que fora capaz tanto de protexer a casa como de axudar co ganado. Dúas características naturais do animal de Galicia. Os orixes do can de Palleiro remóntanse aos tempos dos pobos indoeuropeos que poboaron a vertente atlántica Noroccidental da Península Ibérica.
O Pastor Alemán é tamén propio destes anos. Aínda que a maioría de nós relacionámolo máis ben cos anos 90, o certo é que esta raza xa era común por aqueles tempos. O Pitbull en cambio é algo de agora, sendo o Rottweiler o can máis “perigoso” dos anos 70. Tamén resultaría raro atopar un Caniche ou un Chihuahua por aqueles tempos, probablemente a xente escollendo máis ben un cooker se buscaban un can pequeno.
Fora cal fora a raza, o máis seguro e que os cans, igual ca nós, volverán cambiar nos próximos 50 anos. O tempo dirá cales son os nomes e os animais máis apropiados para a época, e unha vez máis teremos que confiar en que será cousa da causalidade e non da Historia a encargada de realizar algún rexistro que nos permita coñecer algo deles.
