
Foi no ano 2002 cando o Concello de Cervo iniciou un proxecto de irmandamento que aínda segue vivo na actualidade. Os comezos foron anecdóticos e propiciados polo mundo das tecnoloxías da información e da comunicación. En concreto, todo comezou cando o Concello intentou rexistrar o dominio www.cervo.com. Nese momento descubriu que ese dominio xa era utilizado por outro municipio, do mesmo nome, pero situado en Italia. A raíz diso, no ano 2000 iniciáronse os primeiros contactos entre ambos concellos, non sen as evidentes dificultades lingüísticas.
En marzo de 2007, no marco da visita oficial que o Concello de Cervo fixo ao municipio italiano, tivo lugar unha recepción oficial da comitiva do municipio mariñán. O alcalde do Cervo italiano por aquel entón, Vittorio Desiglioli, comentou cuestións vinculadas co programa de irmandamento que estaban perfilando ambos concellos.
Tras unha agarimosa acollida, Vittorio Desiglioli explicaba que a súa intención era a de seguir traballando conxuntamente co Cervo mariñán na organización do irmandamento, mentras o alcalde cervense naquel momento, José Insua, agradecía o «afectuoso recibimento» das autoridades italianas e destacaba a relevancia e os beneficios da relación que se estaba establecendo. José Insua amosábase convencido da repercusión que tería o irmandamento a nivel cultural, social e de promoción turística.
1ª FASE DO IRMANDAMENTO
Pasados varios anos de enlaces e xestións, en maio do 2007 sélase de maneira oficial o irmandamento entre o noso municipio e o Cervo italiano. Foi no transcurso dunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrou a media tarde no Concello de Cervo co salón de plenos ateigado de público. Os respectivos alcaldes, José Insua e Vittorio Desiglioli, mostraron a súa satisfacción por chegar a rubricar este irmandamento e expresaron a súa confianza en manter e consolidar unha relación estreita e de intercambio de experiencias no futuro.
Finalmente os representantes políticos de Cervo agasallaron á delegación italiana cunha insignia de ouro do Concello e unha bandeira municipal para que ondease no Concello italiano de Cervo.
A delegación italiana visitou o complexo cerámico de Sargadelos, participou na Festa do Xubilado que organizou o Concello de Cervo, e visitaron o Museo do Mar de San Ciprián , a fábrica de Alcoa e viaxaron ata Santiago de Compostela.
Descargar Acta de Irmandamento
2ª FASE DO IRMANDAMENTO
O irmandamento formalizouse definitivamente coa sinatura do documento e do pacto de irmandamento, que tivo lugar o 7 de maio de 2008 en Cervo (Italia). Ademais da cerimonia oficial, con motivo da visita da nosa delegación ao Cervo italiano, o Concello receptor organizou numerosos eventos para reforzar o coñecemento e os lazos entre as poboacións dos dous municipios, que comezaran no 2007 co encontro que tivo lugar na nosa terra.
1º día –Martes, 06 de maio de 2008
A última hora da tarde, e tras dous días de viaxe en autobús, chega a Cervo (Italia) a delegación do Concello de Cervo, integrada por 27 persoas, entre as que se atopaban representantes municipais, funcionarios, autoridades da comarca da Mariña, representantes das asociacións e cidadáns particulares.
A comitiva alóxase nun hotel próximo ao mar e participa en varios actos programados para esta segunda fase do irmandamento.
Á chegada, o grupo visitante asiste a un cóctel de benvida á beira do mar, onde os cervenses italianos entregaron á nosa comitiva uns fermosos ramos de flores e desexáronlle unha feliz estancia. A continuación, o grupo instalouse no hotel, onde ceou cun grupo de representantes do Comune di Cervo (Italia).
2º día –Mércores, 07 de maio de 2008
Mañá
A mañá estivo dedicada integramente á cerimonia oficial na sesión plenaria do Concello que, con motivo desta ocasión tan especial, tivo lugar no salón do Castelo dos Clavesana. Despois da interpretación do himno europeo e dos himnos dos dous países houbo discursos, intervencións, e procedeuse á sinatura do documento oficial e do pacto de irmandamento. Posteriormente, fíxose entrega do Estandarte do Comune di Cervo (Italia), houbo intercambio de agasallos e, a continuación, os dous alcaldes entregáronse os "símbolos dos seus respectivos cargos": a banda tricolor do alcalde italiano, Vittorio Desiglioli, e o bastón do alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez. Un momento moi emotivo da cerimonia foi cando os dous alcaldes liberaron dúas pombas brancas dende a terraza do castelo, xesto que selou dun modo especial e simbólico o pacto de irmandade entre ambos pobos.
Serán
Despois de xantar nun restaurante típico da costa, guiaron ao grupo polos lugares de maior interese histórico e arquitectónico do burgo antigo de Cervo: a espléndida igrexa barroca de San Giovanni Battista, coñecida como 'Igrexa dos Corallini', o oratorio románico de Santa Caterina, as salas con frescos do Palazzo Viale, as antigas portas e as estreitas rúas da poboación.
A última hora do serán, no fermoso Oratorio di Santa Caterina, Antonio Carli, un coñecido actor de Imperia, ofreceu un espectáculo de música e poesía de autores italianos e españois, que tivo un grande éxito entre os invitados e contou con abundante público. A xornada concluíu cunha cea no hotel, mentres as autoridades desprazáronse a un restaurante típico do casco antigo para participar na cea de gala.
3º día –Xoves, 07 de maio de 2008
A xornada comezou cun encontro co Presidente da Administración Provincial de Imperia, don Gianni Giuliano, que recibiu aos representantes institucionais da nosa delegación para saudalos e realizar posteriormente un intercambio de agasallos.
A continuación, acompañaron ao grupo a visitar os preciosos xardíns Hanbury de Ventimiglia. A comida tivo lugar ao aire libre no local de restauración situado nos mesmos xardíns.
Á volta, decidiron evitar a autoestrada e volver por Via Aurelia: o espectacular día soleado fixo que se puidese apreciar no seu esplendor a beleza natural desta provincia.
Pola tarde, a comitiva visitou o Museo do aceite de oliva dos irmáns Carli (Imperia) e tivo a ocasión de coñecer a cidade de Imperia, capital da provincia.
A xornada conclúe cunha cea no hotel.
COMUNE DI CERVO
Cervo é un municipio italiano situado na Provincia de Imperia, concretamente na rexión de Liguria, a medio camiño entre Sanremo e Alassio. Conta cunha superficie de 4 quilómetros cadrados e unha poboación aproximada de 1.200 habitantes.
As orixes de Cervo remóntanse á conquista romana (181 a.C.); entón era unha "mansio" na via Julia Augusta (hoxe Aurelia); en época medieval foi feudo dos marqueses de Clavesana súbditos da República de Genova á que Cervo sempre foi fiel. Nos séculos XVI, XVII e XVIII os cerveses, ademais do cultivo da oliveira e da pesca, practicaron intensamente a captura do coral nos mares de Córcega e Cerdeña. Hoxe en día a economía de Cervo baséase no turismo e na agricultura (oliveira, viño e flores, entre as que destacan as orquídeas, gerberas e ciclaminos).
Cervo, considerado dende hai anos como un dos "burgos máis bonitos de Italia", conserva inalteradas as súas orixinais características de burgo medieval á beira do mar, protexido por torres e murallas do século VI e rodeado por verdes outeiros.
No centro histórico, cheo de obradoiros de artesáns e artistas, só se pode transitar a pé, e nel consérvanse os antigos edificios e as rúas empedradas.
O litoral caracterízase pola presenza de pequenos establecementos de praia e agradables areais.
Na parte alta da vila, ao redor de ruínas de épocas pasadas, os outeiros están recubertos de montes de piñeiros e oliveiras.
En canto á alimentación e á gastronomía, Cervo mantense fiel á dieta mediterránea e ás tradicións: O aceite séguese obtendo coa antiga técnica de prensado das olivas en frío, o viño prodúcese coas uvas típicas (pigato e vermentino) e os pratos cocíñanse con peixe fresco.
Como patrimonio cultural destaca: un castelo medieval, antiga morada dos Marqueses Clavesana, que domina Cervo dende o alto e hoxe en día é sede de exposicións de arte e do permanente Museo Etnográfico do Ponente Ligure; no burgo, os antigos edificios medievais abren as súas portas aos "carrugi" onde se asoman os portais do románico Oratorio de Santa Caterina; na praciña dos Corallini, a Igrexa barroca de San Giovanni Battista, tamén coñecida como dei Corallini, porque se ergueu grazas ás ganancias procedentes da pesca do coral, e considérase un dos maiores monumentos en estilo barroco da Riviera Ligure di ponente ou Riviera Ponente. A súa fachada cóncava ofrécese como imaxe característica da vila.
En canto a eventos se refire, Cervo é coñecido polo Festival Internacional de Música de Cámara que ten lugar dende hai máis de 40 anos e no que os mellores artistas europeos ofrecen concertos á luz da lúa.
O Festival e as apreciadas academias musicais valéronlle a Cervo o título de "Burgo da Música".
Monumentos máis importantes:
Igrexa San Giovanni Battista ou dos Corallini
Oratorio di Santa Caterina , que conta con frescos do século XV
Castello dei Clavesana
Palazzo Viale