Novas
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO DÁ NOVOS PASOS PARA ADQUIRIR OS TERREOS PARA AMPLIAR O MUSEO DO MAR Á VISTA DA FALTA DE COMPROMISO POR PARTE DA DEPUTACIÓN

No pleno municipal que se celebrará a próxima semana aprobarase provisionalmente a Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento para poder acadar “un dos obxectivos que temos proxectados desde este equipo de goberno e que pasa por incorporar o terreo contiguo ao museo para mellorar a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural tan importante para Cervo”, apunta a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés

A administración local lamenta a falta de sensibilidade da institución á hora de poñer en valor todo ese legado patrimonial que permanece velado nun caixón sen proporcionarlle un espazo axeitado acorde á súa valía

O Concello de Cervo dá novos pasos para adquirir os terreos contiguos ao Museo do Mar de San Ciprián, para poder ampliar as instalacións, que xestiona a Deputación Provincial de Lugo desde que lle fora cedido no ano 2003, cando pasou a integrarse na rede museolóxica dependente deste organismo.

Tal e como explicou a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés, no pleno municipal que se celebrará a vindeira semana, e logo de recibir todos os informes pertinentes favorables, "aprobaremos provisionalmente a Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento, comprometendo financiamento municipal para a adquisición desa finca anexa. Neste senso, a edil lamenta a falta de sensibilidade do organismo provincial á hora de poñer en valor "ese inmenso legado patrimonial que agocha o Museo do Mar de San Ciprián, que atesoura o corazón da historia mariñeira da comarca, e nomeadamente do noso Concello que é, ademais, o museo público do Mar máis antigo de Galicia".

Non nos podemos seguir permitindo -engade- que gran parte desa riqueza permaneza velada nun caixón sen ver a luz, "por iso tomamos a iniciativa entendendo que toda esta riqueza merece un espazo axeitado acorde á súa inmensa valía".

Caramés apuntou que é de recibo que todas esas doazóns , esa documentación gráfica, eses fondos etnográficos e de fauna mariña, esa serie de cartas náuticas...e en definitiva "esa colección de incalculable valor que reflicte a riqueza biolóxica e etnográfica da nosa costa ocupen o lugar que merecen como testemuña da memoria do pobo mariñeiro" para poder narrar tamén ese pasado ás novas xeracións.

Caramés recordou que xa no pleno municipal do 26 de setembro de 2007 a corporación cervense acordou por unanimidade (cos votos a favor do PP, do BNG e do PSOE) que a Deputación Provincial de Lugo asumise os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar de San Ciprián; e á vista está que a institución nunca chegou a asumir esa responsabilidade e ese compromiso. 

Con estes novos pasos que damos seguimos nese obxectivo de dignificar toda esa herdanza mariñeira que merece ocupar un lugar privilexiado para a súa divulgación, "tamén por respecto aos nosos antepasados e a toda esa xente que contribuíu a engrandecer o fondo documental e histórico do Museo".

Nestes terreos que se propoñen para o aumento do Museo establécese a ordenanza Residencial mixta -espazo, en ordenación mixta, destinado xeralmente á vivenda e usos complementarios-; mentres que no Museo establécese a ordenanza Dotacional -propia de espazos en ordenación aberta, destinados a usos dotacionais ou servizos de interese público tales como escolar, deportivo, recreativo, relixioso, sanitario, asistencia…-.

Este cambio nas condicións urbanísticas permitirá pois o uso dotacional da superficie total que é de 2.568  m².

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa