Novas
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA ESTE SÁBADO A EXPOSICIÓN AMAZIGH, SOBRE O MARROCOS BEREBER, QUE XA VISITARON MÁIS DE 200 PERSOAS

 

  • Será nun acto aberto ao público no que os autores da mostra ofrecerán unha proxección audiovisual sobre o seu traballo, ás 13:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura

 

O Concello de Cervo clausurará este sábado a exposición de fotografía AMAZIGH, de Clara Lelarge e Jesús Manuel Giz Novo, que versa sobre o Marrocos Bereber.

O rexedor, Alfonso Villares, xunto a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e o tenente alcalde Plácido Pérez, estiveron visitando a obra que segundo apuntaron “tivo gran acollida tanto entre o veciños do Concello como entre os visitantes, xa que estimamos que foron máis de 200 as persoas que pasaron pola Sala de Exposicións da Casa da Cultura dende o 15 de agosto, cando se abriu a mostra ao público”.

Dende o Concello de Cervo convidan a veciños, asociacións e a todos os colectivos interesados a que asistan este sábado, ás 13:00 horas á clausura da mostra “xa que no Auditorio da Casa da Cultura os autores ofrecerán unha proxección audiovisual sobre o seu traballo. Un proxecto que naceu trala viaxe dos dous autores a Marrocos no 2015, cando percorreron durante varios días lugares remotos habitados polo pobo Bereber, termo estranxeiro e peiorativo que substitúe ao propio amazigh, que significa home libre”.

A finalidade deste proxecto é dar a coñecer a súa cultura a través dos ollos dos autores.

Foi un verán no que, como en anos atrás, “quixemos dar especial importancia ao mundo da arte e da cultura, promovendo diversas exposicións e mostras nos diferentes locais municipais que temos habilitados para ese fin”.

Deste xeito, recordaron que se puido visitar a mostra de labores da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, a exposición Galicia Latente ou a mostra Cervo Respecta, entre outras, todas elas con gran acollida.

A edil de Cultura, Dolores García Caramés, sinalou que “xa estamos a perfilar o calendario expositivo de cara aos meses de outono porque na nosa liña de traballo queremos facer especial fincapé “en darlle dinamismo ás salas expositivas coas que contamos, para que estean sempre vivas, sendo espazos de encontro dos nosos veciños e visitantes co mundo da arte, que tan bos representantes ten en Galicia”.

Ademais tamén pretendemos así –engadiu- darlle voz, aos artistas máis coñecidos, pero sobre todo ás novas xeracións que veñen pisando forte, e que teñen no noso Concello espazos adaptados para poder dar a coñecer o seu enorme potencial.

Temos a súa disposición pois, a sala de exposicións da Casa da Cultura, de San Ciprián, a sala de exposicións do Edificio anexo ao Concello, en Cervo; e tamén un espazo habilitado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa