Novas
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A NOVA TEMPADA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS CUN AMPLO ABANICO DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Entre as disciplinas que se impartirán a partir do mes de outubro están skate, aeróbic, patinaxe artística, zumba, volei, ximnasia de mantemento, pilates ou bádminton, esta última como novidade

  • A Casa da Cultura acollerá este xoves, ás 20:00 horas, unha reunión informativa aberta a todas as persoas interesadas

 

O Concello de Cervo abre mañá mércores o prazo de inscrición para a nova tempada das Escolas Deportivas Municipais ofrecendo un amplo abanico de actividades –ata quince- pensadas para todos os públicos.

O edil de Deportes, José Ramón Soto, e a de Educación, Dolores García Caramés, desprazáronse esta mañá ata os centros educativos da localidade para entregar aos pequenos e pequenas o folleto informativo e as inscricións, que poden entregar na Casa do Mar, na Casa do Concello ou ben ao monitor/a correspondente o día que dea comezo a actividade.

Os pequenas e pequenas poderán asistir a actividade de pequexogos, fútbol sala, patinaxe artística, tenis e ping pong, pádel, bádminton (novidade como actividade independente, xa que anteriormente incluíase nos xogos de raqueta) multideporte –hóckei, atletismo, xogos populares…-, ou ludoarte.

O alumnado do instituto poderá á súa vez practicar skate ou BMX, na nova bañeira de patinaxe do parque Reina Sofía; zumba, aeróbic, pádel, bádminton, volei…

Como cada ano tamén hai actividades pensadas para as persoas adultas que poderán anotarse a aeróbic, aero-zumba, pilates ou ximnasia de mantemento; que se impartirán na Casa do Mar, en San Ciprián, e tamén no Ecomuseo, en Cervo, no caso das últimas tres disciplinas.

Fixouse un número mínimo de 10 persoas inscritas para levar a cabo cada actividade; e os folletos poden recollerse na Casa da Cultura ou no Concello.

Este xoves, 27 de setembro, está prevista unha reunión informativa, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, aberta a todas as persoas interesadas nas actividades programadas.

As Escolas Deportivas Municipais de Cervo botaron a andar no ano 2007, o que é mostra, tal e como apuntou Soto da aposta decidida do Concello polo deporte; “que é, sen dúbida, un gran compañeiro de vida; e debe ser protagonista desde a mesma infancia, pero tamén na idade adulta”.

Pola nosa banda -engadiu- traballamos intensamente para achegar o deporte a toda a veciñanza co propósito de que o integremos no noso día a día; porque unha vida activa é unha vida saudable”. Polo que convidamos a todos, nenos, nenas e persoas adultas, a que formen parte das Escolas Deportivas Municipais” sentenciou o edil.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa