Novas
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO CLAUSUROU HOXE A II SEMANA DA PREVENCIÓN DE INCENDIOS NA QUE PARTICIPARON MÁIS DE 700 ESCOLARES DE TODA A MARIÑA

Un simulacro realizado por Alcoa foi o colofón final destas xornadas didácticas nas que os pequenos e pequenas aprenderon como actuar ante diferentes situacións de risco que se poden presentar na súa contorna

O Concello de Cervo clausurou no día de hoxe a II Semana da Prevención de Incendios que contou, durante os tres días, coa participación de máis de 700 escolares de diferentes puntos da Mariña (de Cervo –dos colexios e do IES-, de Xove, de Foz, de Burela, de Trabada ou de Viveiro).

As xornadas foron realizadas, por segundo ano consecutivo, en colaboración coa Fundación MAPFRE, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e Alcoa.

De feito, a brigada de incendios de Alcoa, foi a encargada de poñer este mediodía o broche de ouro á actividade cun simulacro de extinción de incendios que desenvolveron despregando boa parte do seu dispositivo nos exteriores do Pavillón da Veiga; ante a atenta mirada dos preto de 200 nenos e nenas que estaban presentes.

Ademais, o alumnado comprobou a temperatura que se chega a acadar nun espazo pechado cando se declara un lume; e as condicións extremas coas que se poden atopar os medios de extinción nunha xornada de traballo.

Recordamos que o circuíto de seguridade estaba composto por diferentes estacións. Estas eran a casiña de fume, unha estrutura inchable, duns 400 metros cadrados de superficie, que se enche de fume inocuo –xerado por xeo- para explicar aos menores como realizar unha evacuación en caso de incendio; a sala de proxeccións na que se emiten vídeos relacionados coa autoprotección escolar, a sección de primeiros auxilios, a exposición do dispositivo de emerxencias co que conta o Concello de Cervo e o apartado onde realizan prácticas de extinción. Ademais, os nenos e nenas levaron para as súas casas material didáctivo de prevención.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa