O CONCELLO DE CERVO MELLORA A ACCESIBILIDADE DA ZONA DE GALDÍN, EN SAN CIPRIÁN
A actuación supón en torno a 8.000 euros, asumidos integramente con fondos municipais, e “contribuirá a mellorar a seguridade do alumnado do CEIP Península da Paz e da veciñanza do lugar”, tal e como precisou o rexedor, Alfonso Villares
- En concreto estase a executar unha beirarrúa de 1´5 metros de ancho, facilitarase o acceso dos vehículos á estrada principal, e farase un paso de peóns elevado, co fin de evitar desniveis
O Concello de Cervo está a executar unhas obras de mellora da accesibilidade na zona de Galdín, en San Ciprián.
O rexedor, Alfonso Villares e a edil de Educación, Dolores García Caramés, estiveron supervisando os traballos acompañados do director do CEIP Península da Paz, José Ángel Riveira e de varios veciños do lugar.
Villares precisou que con esta actuación, que supón en torno a 8.000 euros asumidos integramente con fondos municipais, lograremos un dobre obxectivo; “por unha banda melloraremos a seguridade do alumnado do centro coa continuación da beirarrúa –de 1,5 metros de ancho- co que conseguimos que non teñan que transitar pola estrada en ningún momento no traxecto ao colexio; e por outra tamén a da veciñanza do lugar, “porque imos facilitar tamén o acceso dos vehículos á estrada principal e facer un paso de peóns elevado, a fin de evitar desniveis”.
O rexedor apuntou que esta obra foi acordada coa dirección do centro, coa ANPA e tamén coa veciñanza da zona de Galdín; “son fondos que consideramos ben investidos porque redundan neses dous aspectos tan importantes como son a accesibilidade e a seguridade, neste caso, ademais, na contorna dun centro educativo”.