Emprego
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO EXIME Á HOSTALERÍA DE PAGAR AS TAXAS DE AUGA, LIXO, SANEAMENTO E TERRAZAS DURANTE UN ANO

  Alfonso Villares: “con estas medidas, que implican unha modificación das ordenanzas municipais, o que pretendemos é botarlle unha man a un dos sectores máis damnificados pola pandemia que se viu abocado a múltiples peches e limitacións  froito da crise sanitaria”

*  A edil de Facenda, Dolores García Caramés, explica que “a aposta pola xestión directa dos servizos municipais permítenos poder ser moito máis áxiles e efectivos á hora de aplicar a exención deste tipo de canons en situacións excepcionais como a actual”

* Esta axuda súmase ao plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas e microempresas do Concello

O Concello de Cervo eximirá á hostalería do pago dos recibos da auga (asumindo tamén o recibo autonómico da mesma), do lixo, do saneamento e das terrazas durante un ano.

Así o anunciaron no día de hoxe o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, que explicaron que “levamos tempo traballando co servizo de intervención e tesourería para buscar a fórmula para poder botarlle unha man a este sector que é un dos máis damnificados pola crise sanitaria, e que sufriu e segue a sufrir en primeira persoa as restricións e limitacións derivadas da crise sanitaria”.

Tal e como precisan “levamos un ano de pandemia, case 12 meses nos que a nosa vida cambiou de xeito radical; o que afectou de maneira especialmente sensible ao sector da hostalería e da restauración que tivo que asumir sucesivos peches e continuas modificacións adaptando a súa maneira de traballar”.

O 2020 foi un ano nefasto, e neste 2021 no que agardamos pouco a pouco poder ir recuperando unha certa normalidade; “coa exención destas taxas o que pretendemos é  botar unha man a este sector, contribuíndo así ao impulso dunha actividade económica fundamental no noso municipio”.

A edil e o rexedor recordaron que durante o 2020 xa se foron tomando medidas nesta liña para axudar ao sector na medida do posible “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche aló polo mes de maio;  tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e desde o 15 de marzo non se emitiu ningún recibo pola ocupación da vía pública”.

A modificación das ordenanzas para poder suprimir o cobro destas taxas durante un ano será levada a pleno “e contamos que antes do verán poida xa estar en vigor”. Por esixencias normativas, a partir desa data, con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de arredor dun euro.

Esta axuda súmase ao plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa