CERVO É RECOÑECIDO COMO CONCELLO EMPRENDEDOR POLA XUNTA DE GALICIA E A FEGAMP
Este título foille outorgado por apostar polo fomento da implantación e da fixación de empresas ao adherirse ao protocolo “Doing Business”
O Concello de Cervo vén de recibir o certificado de “Concello Emprendedor”, un título outorgado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fegamp por apostar polo fomento da implantación e fixación de empresas na Comunidade.
O rexedor, Alfonso Villares, recordou que foi no pasado mes de febreiro cando aprobamos en pleno unha baixada de impostos co obxectivo de favorecer o fomento do emprego no municipio, subscribíndonos así ao protocolo Doing Business, que leva consigo a modificación de tres ordenanzas (ICIO, IAE, IBI) co fin de reducir as cargas administrativas para as empresas, bonificando a aquelas que xeren emprego.
De tal xeito que, tal e como explicou Villares, “as empresas que creen máis de vinte postos de traballo poden conseguir ata o 95% de bonificación nestes impostos; se crean entre 11 e 20 postos, cando menos o 75%, e pola creación de ata dez empregos, cando menos o 50% de dedución.
Ademais, engadiu o rexedor, “falamos do apoio ao fomento de emprego de calidade, porque as empresas teñen que manter esas condicións durante tres anos polo menos, e desde o Concello estaremos vixiantes, supervisando que así sexa”.
Villares recordou que estas iniciativas veñen sumarse a outras que tamén estamos a levar a cabo no termo municipal nesta mesma liña, como poder ser, por exemplo, o Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico de Sargadelos que estamos a piques de poñer en marcha da man de varios mozos e mozas que presentaron os seus proxectos e que se instalarán proximamente nos locais habilitados.