Emprego
« Atrás

O CENTRO DE EMPRENDEMENTO DE SARGADELOS AMPLÍA A SÚA OFERTA CUN CAFÉ – BAR CULTURAL

 Esta actividade vén sumarse ao centro ecuestre “Cabaliño de Pao” que leva en funcionamento desde o mes de xullo, e ao establecemento de alimentación ecolóxica que abrirá as súas portas proximamente

 O aluguer dos locais rolda os 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”

O Centro de Emprendemento acondicionado no edificio das Antigas Cabalerizas de Sargadelos amplía a súa oferta de actividades cun café-bar cultural.

O rexedor, Alfonso Villares, asinou esta mesma mañá o contrato coa persoa adxudicataria do local número 4, de 67,8 m², Alba Fernández Rubal.

En concreto, neste establecemento desenvolveranse actuacións socioculturais de carácter multidisciplinar tales como exposicións, concertos, xornadas gastronómicas, contacontos, charlas, monólogos ou presentacións de libros; co obxectivo de contribuír a darlle pulo ao Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.

Esta actividade vén sumarse ao centro ecuestre “Cabaliño de Pao” que botou a andar este pasado verán cunha gran acollida e que fai uso do espazo exterior anexo ao Edificio das Cabalerizas, con cuberta e de 100 m2; e dun dos locais interiores; e ao establecemento de alimentación ecolóxica que abrirá as súas portas proximamente.

O rexedor apuntou que a día de hoxe aínda quedan un par de locais dispoñibles aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”.

Villares recordou que este Centro de Emprendemento de Sargadelos é unha aposta importante deste equipo de goberno, coa que perseguimos un dobre obxectivo, por unha banda darlle ese impulso ao Conxunto Histórico; e por outra ofrecerlle a estas persoas emprendedoras e con ideas novidosas e interesantes unha opción para poder iniciar a súa actividade facendo fronte a un custe asumible.

Recordou, así mesmo, que os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, co sector turístico, coa hostalería, co sector educativo, terapéutico ou con calquera outra actividade relativa ao sector terciario.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa