NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO ACONDICIONA O CAMPO DA FESTA DE TRASBAR QUE SERÁ O ESCENARIO DA ROMARÍA DE

 

Reforzouse a iluminación con Leds, retirouse un poste que obstaculizaba no centro do recinto e mellorouse a instalación eléctrica no Local Social, entre outros traballos

 

O Concello de Cervo vén de acometer traballos de acondicionamento e mellora no Campo da Festa do burgo de Trasbar, que o vindeiro 16 e 17 de setembro celebra as súas Festas Patronais, a Romaría de Santa Eufemia.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de obras, Plácido Pérez, desprazáronse ata o recinto, onde acompañados por técnicos municipais e por varios membros da Asociación de Veciños de Trasbar, supervisaron a actuación para comprobar que todo está a punto para a celebración da Festa.

En concreto, Villares apuntou que “se reforzou a iluminación no recinto da festa coa instalación de varias lámpadas led, coas que, ao tempo que se gaña en luz, tamén se mellora a eficiencia enerxética”.

Así mesmo, -engadiu- “retiramos un poste que estaba ubicado no centro da explanada e que obstaculizaba na celebración deste tipo de eventos, instalando as novas luminarias no perímetro do campo da festa; e tamén melloramos a instalación eléctrica no Local Social de Trasbar, no que os veciños realizan múltiples actividades ao longo do ano”

Villares apuntou que con estes traballos “respondemos neste caso ás demandas dos veciños de Trasbar, como tamén vimos facendo con outros Burgos e asociacións do noso Concello tentando axudar en todo o que está na nosa man apoiando o gran traballo altruísta que fan; e atendendo, en todo o que sexa posible, a súas necesidades”.

A Romaría de Santa Eufemia, organizada pola Asociación de Veciños de Trasbar coa colaboración do Concello de Cervo, terá lugar a fin de semana do 16 e 17 de setembro.

O sábado, ás 7:00 horas comezarán a confeccionar a alfombra floral a carón da Capela, ás 13:00 horas será a misa solemne de Santa Eufemia cantada polo Coro de Cervo; e a continuación terá lugar a sesión vermú a cargo da orquestra Os Magos.

Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, dará comezo a Gran Verbena amenizada polas orquestras Magos e o Dúo Epo-K.

Ao remate da festa haberá degustación gratuíta de caldo galego.

O domingo ás 13:15 horas está prevista a misa solemne na honra da Virxe do Carme e de San Antonio cantada polo Coro de Cervo e a continuación terá lugar a sesión vermú a cargo do Dúo Epo-K.

Disponse de zona de aparcamento gratuíto nas inmediacións do campo da festa.

O Concello de Cervo, convida, a todos, veciños e visitantes, a que desfruten desta Festa a vindeira fin de semana.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa