NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO ACTUARÁ NA ZONA DO PORTO DE ARRIBA, EN SAN CIPRIÁN

As obras, que se desenvolverán na Rúa do Faro, contarán cun orzamento 211.580 euros a cargo do Plan Único da Deputación Provincial

  • Renovarase o pavimento e as redes de alumeado público e saneamento - independizando a recollida de augas fecais e pluviais-; e eliminaranse as barreiras arquitectónicas “de acordo coa liña de traballo que estamos a fixar en todas as obras de nova execución que contemplamos no noso termo municipal”
  • Para levar a cabo esta actuación son necesarios sendos informes de Costas e de Patrimonio, que xa foron solicitados

 

O Concello de Cervo vai acometer unha actuación integral na rúa do Faro, no Porto de Arriba de San Ciprián.

Así o anunciou hoxe o rexedor Alfonso Villares, quen se desprazou ata a zona, coa edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, para analizar o proxecto  que foi presentado dentro do Plan Único da Deputación Provincial e  que suporá unha inversión de 211.580 euros.

O alcalde apuntou que consideramos importante destinar unha parte substancial desta dotación a esas infraestruturas básicas que non se ven pero que entendemos que son fundamentais para a nosa veciñanza.

Villares concretou que os traballos que se van acometer contemplan a mellora do pavimento da rúa, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando a rede de saneamento, independizando a recollida de augas fecais e pluviais; reemprazando as canalizacións existentes de fibrocemento por outras de PVC.

Ademais, tamén se renovará a rede de alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada “co que reducimos o impacto visual, contribuíndo á humanización de toda esta contorna”.

O rexedor apuntou que para acometer esta importante actuación precisamos dos informes da Dirección Xeral de Costas e de Patrimonio –xa que a zona está inventariada-, que xa foron solicitados.

Villares destacou que esta obra segue a mesma liña que outros proxectos que vimos presentando en semanas pasadas; “todas as actuacións que plantexamos foron concibidas baixo tres premisas: a mellora da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas, a humanización da zona na que se actúa e a aposta polo saneamento, independizando as canles de recollida de fecais e pluviais”.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa