
O CONCELLO DE CERVO MELLOROU A ACCESIBILIDADE DO LOCAL SOCIAL DO BURGO DE LIEIRO
Villares e Soto supervisaron a actuación que supuxo un investimento de 4.000 euros, acompañados por membros da Asociación de Veciños e da de Montes desta parroquia
- Nos vindeiros días instalarase unha varanda de acordo á normativa vixente
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, supervisaron esta mañá, acompañados de varios membros da Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro e da Asociación de Montes, o local social deste Burgo, no que o Concello de Cervo vén de mellorar a accesibilidade coa construción dunha rampla e a apertura dunha nova porta de entrada; nos vindeiros días está previsto tamén a instalación dunha varanda de acordo á normativa vixente.
A actuación, demandada pola Asociación de Veciños, supuxo un investimento de 4.000 euros procedentes de fondos municipais.
Villares precisou que esta obra vai en consonancia coa política que vimos desenvolvendo desde o Goberno, a prol de favorecer a accesibilidade en todas as infraestruturas e edificios de uso público; como neste caso o local social de Lieiro que tanta actividade ten ao longo do ano grazas á veciñanza desta parroquia.