O CONCELLO DE CERVO COMEZARÁ ESTE MES DE XANEIRO UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA
As persoas interesadas poden anotarse a través do teléfono 982 59 51 57 ou na Casa da Cultura de San Ciprián a partir do próximo luns
Será preciso un mínimo de 6 alumnos/as para a celebración do taller en cada parroquia
O Concello de Cervo comeza o ano coa posta en marcha dun novo curso do taller de memoria que promove polas diferentes parroquias do municipio a delegación de Servizos Sociais que dirixe Pilar Armada.
As persoas interesadas en participar no taller que imparte a técnica do departamento, Elisabet Peña, poden anotarse no teléfono 982 59 51 57 ou, de xeito presencial, na Casa da Cultura de San Ciprián, a partir do próximo luns, 9 de xaneiro.
Tal e como apuntan, será preciso un mínimo de 6 alumnos/as para a celebración do taller en cada unha das parroquias. No caso da actividade de Cervo, este ano mudará de localización trasladándose a unha sala habilitada no edificio dos xulgados.
Ao longo do curso tal e como apunta Peña “traballaremos técnicas e estratexias co fin de fortalecer e rehabilitar a atención, a orientación, a memoria, o razoamento, a linguaxe, o cálculo, ou a psicomotricidade”.
Villares e Armada, pola súa banda incidiron na importancia desta actividade “máis que consolidada dentro da programación que deseñamos para os nosos maiores; tentando ofrecerlles todas as ferramentas que están ao noso alcance para estimular e dinamizar o seu día a día, ao tempo que traballan e exercitan esa facultade tan importante que temos, como é a memoria; contribuíndo a mellorar o seu estado de ánimo, a súa autoestima, fomentando as relación sociais…; en definitiva, tentando mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Os servizos sociais de atención primaria son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de Cervo e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de toda a cidadanía, regulados segundo o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de Atención Primaria.
Constitúen o nivel básico e máis próximo ao usuario, e son a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, dende o que se derivarán os casos, logo de prescrición técnica, aos servizos sociais de atención especializada cando así o requira a complexidade ou especificidade da situación.
Os programas básicos de actuación que se desenvolven no nivel de actuación correspondente aos servizos sociais comunitarios, e que veñen a recoller as prestacións básicas do Plan Concertado ao abeiro do Decreto 240/1995 do 28 de xullo, son:
Programa de orientación, asesoramento e información
- Responde á necesidade de información co fin de acceder e utilizar os recursos sociais e previr as desigualdades. Diríxese a individuos, grupos e institucións ofrecendo asesoramento especializado sobre os dereitos que puidesen corresponderlles e os recursos sociais existentes así como tamén a súa canalización, cando sexa necesario, a outros servizos ou recursos.
- Programa de axuda no fogar
- O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
- Programa de inserción social
- Este programa ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
- Programa de animación, prevención e cooperación social
- Este programa ten por obxecto facilitar a participación dos veciños do Concello de Cervo en tarefas colectivas tendentes a que sexa a propia comunidade a que asuma as problemáticas e busque canles de solución, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado.
- Ligazóns de páxinas web de interese
Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es
Portal de Benestar da Xunta de Galicia http://benestar.xunta.es/web/portal/portada
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar http://www.igualdadebenestar.org/