ÚLTIMAS NOVAS DA ÁREA DE ATENCIÓN PRIMARIA
« Atrás

MOSTRA AULA DO MAR INCLUSIVA

 

A Casa da Cultura de San Ciprián acolleu esta mañá a inauguración dunha mostra pioneira de artesanía obra da Asociación A Mariña, enmarcada no proxecto a Aula do Mar inclusiva, a primeira destas características na Comunidade Galega.

Pódese visitar ata o 18 de decembro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas; respectando sempre as medidas de prevención fronte ao COVID-19.
No acto participaron o rexedor, Alfonso Villares e as edís de Servizos Sociais e de Cultura, Pilar Armada e Dolores García Caramés respectivamente, ademais da directora da Asociación, María José Nóvoa, o Presidente da mesma, Jorge Manchado, e representantes do GALP A Mariña-Ortegal.
O rexedor quixo felicitar a toda a familia da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña por "este novo e enriquecedor proxecto"; e precisou que "é un orgullo para Cervo poder acoller e desfrutar do resultado deste primeiro ano de vida da Aula do Mar inclusiva; unha iniciativa innovadora e única en toda Galicia, que é froito do esforzo e traballo de todo o centro, que é un exemplo e un referente a todos os niveis".
Convidámosmos a que vos animedes a contemplar esta exposición composta por pezas únicas realizadas con todo o agarimo do mundo polas persoas usuarias do centro nos talleres da actividade "Crea Mar" durante este ano 2020.

 

Atención Primaria Atención Primaria

Os servizos sociais de atención primaria son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de Cervo e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de toda a cidadanía, regulados segundo o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de Atención Primaria.

Constitúen o nivel básico e máis próximo ao usuario, e son a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, dende o que se derivarán os casos, logo de prescrición técnica, aos servizos sociais de atención especializada cando así o requira a complexidade ou especificidade da situación.

Os programas básicos de actuación que se desenvolven no nivel de actuación correspondente aos servizos sociais comunitarios, e que veñen a recoller as prestacións básicas do Plan Concertado ao abeiro do Decreto 240/1995 do 28 de xullo, son:

Programa de orientación, asesoramento e información

Responde á necesidade de información co fin de acceder e utilizar os recursos sociais e previr as desigualdades. Diríxese a individuos, grupos e institucións ofrecendo asesoramento especializado sobre os dereitos que puidesen corresponderlles e os recursos sociais existentes así como tamén a súa canalización, cando sexa necesario, a outros servizos ou recursos.
Programa de axuda no fogar
O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
Programa de inserción social
Este programa ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
Programa de animación, prevención e cooperación social
Este programa ten por obxecto facilitar a participación dos veciños do Concello de Cervo en tarefas colectivas tendentes a que sexa a propia comunidade a que asuma as problemáticas e busque canles de solución, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado.
Ligazóns de páxinas web de interese

Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es

Portal de Benestar da Xunta de Galicia http://benestar.xunta.es/web/portal/portada

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar http://www.igualdadebenestar.org/

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa