O CONCELLO DE CERVO CLAUSUROU UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA QUE SE IMPARTE POLAS DIFERENTES PARROQUIAS
Este curso asistiron 34 veciños, de entre 58 e 93 anos
O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do taller de memoria programado pola delegación de Servizos Sociais e que se imparte nos locais sociais das diferentes parroquias do municipio.
O alcalde Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, participaron no acto de entrega de diplomas ás 34 persoas asistentes ao taller que se impartiu entre outubro e xuño.
Villares destacou que “o taller de memoria cumpre xa doce edicións no noso Concello polo que é unha actividade máis que consolidada dentro da programación lúdico-educativa que deseñamos para os nosos maiores; tentando ofrecerlles todas as ferramentas que están ao noso alcance para estimular e dinamizar o seu día a día, ao tempo que traballan e exercitan esa facultade tan importante que temos, como é a memoria”.
O rexedor quixo dar as grazas á edil Pilar Armada, e tamén a Elisabet Peña, que é a técnico encargada de desprazarse polos diferentes locais sociais impartindo eses obradoiros; e que tanto tempo lle adica aos nosos maiores.
Armada apuntou “que se trata de espazos de aprendizaxe nos que proporcionamos estratexias que melloran a capacidade memorística, cun enfoque preventivo para coidar esa capacidade tan básica para o mantemento da nosa calidade de vida; nos que as persoas usuarias potencian, ademais, as relación interpersoais”.
A edil e o rexedor emprazáronnos a participar na vindeira edición do taller de memoria que arrincará en novembro, agardando, así mesmo, que se sumen á actividade aqueles veciños que aínda non o fixeron.

Os servizos sociais de atención primaria son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de Cervo e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de toda a cidadanía, regulados segundo o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de Atención Primaria.
Constitúen o nivel básico e máis próximo ao usuario, e son a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, dende o que se derivarán os casos, logo de prescrición técnica, aos servizos sociais de atención especializada cando así o requira a complexidade ou especificidade da situación.
Os programas básicos de actuación que se desenvolven no nivel de actuación correspondente aos servizos sociais comunitarios, e que veñen a recoller as prestacións básicas do Plan Concertado ao abeiro do Decreto 240/1995 do 28 de xullo, son:
Programa de orientación, asesoramento e información
- Responde á necesidade de información co fin de acceder e utilizar os recursos sociais e previr as desigualdades. Diríxese a individuos, grupos e institucións ofrecendo asesoramento especializado sobre os dereitos que puidesen corresponderlles e os recursos sociais existentes así como tamén a súa canalización, cando sexa necesario, a outros servizos ou recursos.
- Programa de axuda no fogar
- O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
- Programa de inserción social
- Este programa ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
- Programa de animación, prevención e cooperación social
- Este programa ten por obxecto facilitar a participación dos veciños do Concello de Cervo en tarefas colectivas tendentes a que sexa a propia comunidade a que asuma as problemáticas e busque canles de solución, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado.
- Ligazóns de páxinas web de interese
Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es
Portal de Benestar da Xunta de Galicia http://benestar.xunta.es/web/portal/portada
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar http://www.igualdadebenestar.org/