O CONCELLO DE CERVO ADAPTA E DISTRIBÚE NO HOSPITAL DA MARIÑA PANTALLAS PROTECTORAS CERTIFICADAS CEDIDAS POR ALCOA
A delegación de Servizos Sociais, a través do Servizo de Emerxencias Municipal, entregou esta mañá os primeiros 19 dispositivos de seguridade á dirección do centro e ao servizo de prevención de riscos laborais
O persoal municipal traballa agora intensamente para axustar o material -140 pantallas- ás necesidades dos/das sanitarios/as
Desde o Concello poñen en valor unha vez máis, a colaboración entre organismos, empresas e particulares, que nos está a permitir tecer unha rede de solidariedade fundamental ante a complicada situación que estamos a vivir
O Concello de Cervo, a través das delegacións de Servizos Sociais e de Protección Civil, comezou a adaptar e a distribuír 140 pantallas protectoras homologadas e certificadas, que foron doadas por Alcoa San Ciprián.
O Servizo de Emerxencias Municipal traballa nestes intres intensamente para axustar o material ás necesidades dos/das sanitarias, e xa esta mañá se puido efectuar unha primeira entrega -19 pantallas concretamente- á dirección do Hospital da Costa e ao servizo de prevención de riscos laborais do centro; que puideron constatar a idoneidade dos dispositivos.
Desde a delegación de Servizos Sociais precisan que de seguir a este ritmo de traballo “agardamos poder entregar unha nova remesa -23 unidades- esta mesma tarde”.
O Concello de Cervo, quere poñer en valor, unha vez máis, a colaboración e a coordinación entre institucións, empresas e/ou particulares, “que nos está a permitir crear un rede de solidariedade sen precedentes; unha suma de esforzos fundamental para afrontar a complicada situación que estamos a vivir e plantarlle cara ao virus”.