Servizos Sociais
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO COLABORA COA ASOCIACIÓN DE AXUDA AO ENFERMO MENTAL PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DOS USUARIOS

                     

Villares e Armada visitaron aos 24 usuarios e reuníronse coa dirección da Unidade Residencial de Cervo, única da provincia de Lugo destas características

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron a Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ubicada na zona da Bidueira, na Estrada de Sargadelos.

O rexedor e a concelleira reuníronse coa directora do Centro, María José Novoa, para coñecer de primeira man como é o día a día nas instalacións, e ver as necesidades en canto a material e infraestruturas que presentan, xa que, tal e como apuntou Villares “a relación entre a dirección do centro e o Concello é moi fluida e estamos e permanente contacto para atender, na medida das nosas posibilidades as súas demandas; de feito -engadiu-, “cada ano dispoñemos dunha axuda directa nominativa de 12.000 euros co obxectivo de contribuír a que poidan manter así a calidade do servizo tan necesario que prestan tanto aos usuarios como ás familias; ademais de colaborar ao longo de todo o ano con eles, poñendo á súa disposición os medios humanos e materiais que requiren”. Neste senso, o centro empregou unha parte da axuda do Concello na renovación do seu equipamento informático.

O rexedor aplaudiu o gran labor da Unidade e o impecable traballo do seu cadro de persoal dirixido a favorecer a integración deste colectivo na contorna comunitaria, dando apoio ás familias e prestando servizos de rehabilitación psicolóxica e social, a través dunha atención integral.

A Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña conta con 25 prazas, das que 10 son concertadas, 10 con autorización de uso e 5 privadas; polo que, a día de hoxe, o Centro está completo, queda vacante só unha praza das chamadas de respiro.

O Centro abriu as súas portas no ano 2013; sendo o de Cervo, o único centro destas características da provincia de Lugo, e un dos catro que existen a día de hoxe en toda Galicia.

 

 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa