O CONCELLO DE CERVO REMATOU O PROCESO DE ADXUDICACIÓN DA XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA RESIDENCIA, QUE SERÁ POR DOUS ANOS E SEMPRE BAIXO SUPERVISIÓN MUNICIPAL
Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla-La Mancha y Galicia é a empresa que obtivo maior puntuación
- O rexedor sinalou que “a nosa veciñanza terá prioridade de acceso a este novo servizo, que é un piar fundamental de apoio ás nosas familias; sen esquecernos das oportunidades laborais e da dinamización da economía local que traerá consigo”
- Será a comezos do mes de xuño (a data concretarase proximamente) cando as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude no Rexistro do Concello
- A partir do mes de xullo o centro estará en funcionamento
O Concello de Cervo vén de rematar o proceso de adxudicación da xestión do Centro de Día Residencia, ubicado na zona da Veiga, en San Ciprián.
Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla-La Mancha y Galicia foi a empresa que obtivo unha maior puntuación.
O rexedor recordou que foron catro as sociedades que se presentaron ao concurso e “unha vez analizadas todas as ofertas, tanto desde punto de vista dun xuízo de valor como desde un punto de vista cuantificable, esta foi a que acadou unha maior puntuación, con 89 puntos, e xestionará, sempre baixo supervisión municipal, o servizo”.
O noso desexo foi sempre o de poñer a andar un centro de día residencia baixo unha xestión municipal directa –recordou Villares- pero, por motivos legais, e dadas as limitacións fixadas pola lexislación estatal, apostamos pola xestión indirecta supervisada, e sempre garantindo a calidade do servizo. Trátase dunha concesión inicial de dous anos, un período curto de tempo no que día tras día poder confirmar a boa xestión ou, se fose necesario, cambiar o dito modelo para así sempre, poder blindar a calidade dun servizo de titularidade municipal, importantísimo para toda a veciñanza de Cervo, e garantir así o seu bo funcionamento”.
Villares apuntou que agora tan só resta aprobar en pleno o réxime interno, que estimamos que será no mes de maio; e a comezos de xuño será cando as persoas interesadas xa poderán presentar a súa solicitude de acceso no Rexistro do Concello. A data concreta a partir da que poden entregar este documento aínda está por definir “pero informaremos aos nosos veciños puntualmente en canto se concrete”.
O alcalde avanzou que será a partir do mes de xullo cando o Centro de Día Residencia entre en funcionamento; “polo que estamos nun momento importante para o Concello de Cervo, xa que contamos cun novo servizo para toda a veciñanza: o primeiro centro específico de atención ás persoas maiores ou en situación de dependencia do noso municipio”.
Este centro -engadiu- foi unha aposta firme e constante deste goberno, que requiriu que dun investimento que superou os dous millóns de euros; procedentes nun alto porcentaxe, da Xunta de Galicia. Un diñeiro que consideramos ben investido, “porque somos conscientes de que este centro é un piar fundamental de apoio ás nosas familias; sen esquecernos das oportunidades laborais e da dinamización da economía local que traerá consigo”
Os veciños e veciñas de Cervo teremos preferencia de acceso a este servizo –continuou- “no que nos atoparemos nun entorno coñecido; preto dos nosos familiares e amigos; evitando o desarraigo, porque este é un servizo pensado para o noso presente e tamén para o noso futuro”.
O Centro dispón de 54 prazas de residencia e 25 de centro día.
A Mesa de Contratación clasificou as ofertas presentadas, segundo a seguinte listaxe:
EMPRESA | Puntos |
ASOCIACION EDAD DORADA MENSAJEROS DE LA PAZ CASTILLA-LA MANCHA Y GALICIA | 89,00 |
IDEA SERVICIOS SOCIO SANITARIOS S.L. | 84,08 |
SERGE LUCENSE S.A. | 80,07 |
UTE SERVICIOS ASISTENCIALES RIAZOR S.L. E ATENDO CALIDADE S.L. | 78,40 |
ASOCIACIÓN EDAD DORADA MENSAJEROS DE LA PAZ CASTILLA-LA MANCHA Y GALICIA comprométese a levar a cabo o obxecto do contrato nos prezos:
CDR | Prezo praza | PRAZAS | DÍAS | TOTAL |
Residencia Autónomos | 33,00 € | 15 | 360 | 178.200,00 € |
Res. dependentes grao I | 38,50 € | 10 | 360 | 138.600,00€ |
Res. dependentes grao II | 42,25 € | 12 | 360 | 182.520,00€ |
Res. dependentes grao III | 44,00 € | 13 | 360 | 205.920,00€ |
Res. atención nocturna con transporte | 22,50 € | 4 | 360 | 32.400,00 € |
CD estadía completa con transporte | 26,00 € | 20 | 360 | 187.200,00 € |
CD media estadía con transporte | 17,00 € | 5 | 360 | 30.600,00 € |
Total: 955.440,00 €/ano; 2 anos: 1.910.880,00 €.
*A empresa ten recoñecida a exención do IVE