Programas do Departamento Municipal
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO INICIA UNHA CAMPAÑA DE INSTALACIÓN DE DETECTORES DE FUME NOS DOMICILIOS DAQUELES VECIÑOS QUE ESTÁN ENTRE A POBOACIÓN DE MÁIS RISCO

                     

Os aparellos serán ubicados nas casas de persoas que vivan soas, que requiran do servizo de axuda no fogar ou do de teleasistencia

  • É unha actividade que dá continuidade á Semana da Prevención de Incendios que se desenvolveu no Pavillón da Veiga, na que participaron uns 800 rapaces de toda A Mariña
  • A iniciativa é froito dun convenio subscrito coa Asociación de Técnicos de Bombeiros (APTB), que doou os dispositivos

 

O Concello de Cervo vén de iniciar unha campaña de instalación de detectores de fume nos domicilios daqueles veciños que se considera que están entre a poboación de máis risco de sufrir unha situación de emerxencia no seu ámbito, como son “aqueles que viven sós e que requiren do servizo de axuda no fogar ou do de teleasistencia”, puntualizou o rexedor, Alfonso Villares.

Os dispositivos comezáronse a colocar no día de hoxe por parte do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (G.E.S.); e o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, e o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, estiveron supervisando os traballos.

Tal e como apuntou Villares “é unha iniciativa que dá continuidade á Semana de Prevención de Incendios que desenvolvimos a pasada semana no Pavillón da Veiga na que participaron uns 800 rapaces de toda A Mariña; e agora pretendemos facer extensibles eses consellos e recomendacións a todos eses veciños considerados neste caso poboación de risco; porque cremos que é fundamental incidir na prevención para gañar en seguridade”.

Tal e como apuntou Soto, “o maior risco de incendio prodúcese cando a persoa está durmindo, e a alerta de incendio que xera este detector pode contribuír de xeito decisivo a salvar vidas”.

No ano 2016, foron 175 as persoas falecidas por incendio, 133 delas no seu fogar. O ano pasado incrementouse nun 21% o número de vítimas mortais por incendios nas súas casas, a maioría delas eran persoas maiores de 65 anos, que vivían soas; “polo que consideramos que resultan fundamentais as campañas destas característica nas que se aposta pola concienciación e a prevención; incidindo na importancia de extremar sempre as precaucións”. apuntou Villares.

A iniciativa é froito dun convenio subscrito coa Asociación de Técnicos de Bombeiros (APTB), que doou os dispositivos; e dende o Concello, a través das delegacións de Servizos Sociais e Seguridade Cidadá, decidiuse proceder a instalación nos domicilios deses veciños que entran nese espectro.

 

 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa