Galería de imaxes Galería de imaxes
Información Información

A HISTORIA DO ENCAIXE

A orixe incerta é a primeira característica do encaixe, do mesmo xeito que a de outras moitas artesanías chegadas do Oriente Medio, e que viaxaron do leste cara ao oeste cos pobos e culturas que visitaron a Fisterra europea.

Aparecen mostras dos inicios do encaixe na artesanía de diferentes pobos: no veo das mulleres turdetanas e íberas; na túnica romana feita co finísimo fío galego; na alba, con adornos, dos cregos católicos, consecuencia da anterior. O seu coñecemento e uso relaciónase cos árabes e, máis tarde, cos italianos e flamengos, a onde se estendeu a través dos montes Pireneos e do océano Atlántico.

A pasamanería, da que se conservan multitude de restos e centros textiles, estendeuse por toda España.

Os/as galegos/as fixeron desta técnica un complemento económico para a familia.

Unha situación que chega ata hoxe en día ás aldeas e vilas agrícolas e pesqueiras, polo que o encaixe nace e camiña como artesanía-industria asociada á agricultura e á pesca, sempre coa técnica do entrecruzado de fíos, xeralmente de liño ata o século XX, en que se cambia ao algodón.

A partir do século XV aparecen novas en inventarios e documentos sobre herdanzas e dotes de encaixes, e non había pazo ou casa da vila onde o enxoval das noivas non levara algún elemento desta artesanía. Os reis e raíñas da Casa de Austria e da Casa dos Borbóns déronlle ao encaixe o pulo definitivo ao incorporalo á roupa da nobreza, á de imaxes e obxectos das igrexas, á decoración de pazos e casas señoriais, e mesmo promulgaron leis e normas que regularon o traballo e a venda desta artesanía. O catastro da Ensenada (século XVIII) refírenos moitos portos e vilas con importancia económica encaixeira e isto é debido a que comeza o comercio con América, a onde se exportan estes encaixes, o que motiva que se incremente notablemente a súa produción.

As sociedades económicas de amigos do país axudaron ao espallamento do encaixe por vilas e aldeas, cambiaron a roca polo torno, prefeccionaron o fiado e déronlle pulo ao nivel cultural das palilleiras.

En Camariñas, en plena Costa da Morte, mantense viva esta antiga tradición, convertida hoxe en artesanía. Sexa cal sexa a orixe do encaixe, non cabe dúbida que é un símbolo de identidade deste pobo mariñeiro. Camariñas daba nome aos encaixes que se facían en toda Galicia. Empregábase o fío de liño, que se cultivaba abundantemente na nosa comunidade.

 

 

O ENCAIXE

A arte de palillar é unha técnica de encaixe téxtil consistente en tecer fíos, que inicialmente están enrolados en bobinas para manexalos mellor. A medida que progresa o traballo, o tecido suxéitase mediante alfinetes cravados nunha almofada, que se chama "mundillo". O lugar dos alfinetes vén determinado por un patrón de furados.

O encaixe pódese realizar con fíos finos ou grosos. Tradicionalmente facíase con liño, seda, lá e, posteriormente, con algodón. Tamén con fíos de metais preciosos. Hoxe en día tamén se realiza cunha gran variedade de fibras sintéticas, con alambres ou outros filamentos.

O ENCAIXE NO NOSO CONCELLO

Cómpre destacar que, na actualidade, os primeiros pasos para recuperar esta técnica no Concello de Cervo comezaron coas clases de encaixe que se levaron a cabo na vila de San Ciprián alá polo ano 1996, grazas en grande parte a persoas que exercían como mestras nesta vila.

O Encontro de Palilleiras do Concello de Cervo celébrase na vila de San Ciprián, entre marzo e abril, e a súa primeira edición remóntase ao 20 de marzo de 2004.

Nesta primeira edición, que formaba parte do programa da XIII Festa do Ourizo, participaron ao redor de 70 palilleiras de toda a comarca e algunhas chegadas das Pontes e Asturias.

Cabe resaltar que nos encontros que se veñen realizando estes anos o número de participantes viuse multiplicado, chegando á cifra de 700 palilleiras.

Na mencionada primeira edición as artesás fixeron unha demostración no Salón de Actos da Casa do Mar.

A iniciativa de realizar este encontro xurdiu a raíz das conversas mantidas coas profesoras locais de encaixe de palillos, Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero, e contou coa colaboración das tres asociacións de mulleres da localidade.

Dende o ano 2007 este evento celébrase no Pavillón Municipal de Deportes e ademais inclúe unha mostra relacionada co mundo do encaixe na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián.

A finalidade do Encontro de Palilleiras é gozar dun día de convivencia e intercambiar coñecementos.

A ALMOFADA

O principal aparello para a realización do encaixe é a almofada, xa que nela se dispoñen o resto dos utensilios. Cando unha persoa quere traballar encaixes ten que preparar un saco de tea cheo de palla (de trigo, avea,etc..) ben preta e uniforme ao que se lle engaden dous paus ou canas nas beiras superiores e, da metade cara abaixo, decórase cun plástico groso ou cun hule chamado cuira, para que os palillos non rachen a tea. Da mesma maneira, debe preparar o picado co debuxo que se quere realizar e que se suxeita no centro da almofada, enriba da cuira; a súa dereita cósese a bulsa de alfinetes que marcarán o camiño do encaixe e, na mesma zona, ponse o novelo do fío que se irá enfiando nos palillos dirixidos pola palilleira.

O FÍO

A materia prima para a realización do encaixe é o fío que, ata a II Guerra Mundial, era de fibra de liño e agora é de algodón. O fío de liño era, na súa maior parte, galego, aínda que, cando non chegaba a produción autóctona para labrar encaixes ou para outras actividades téxtiles, importábase de Rusia ou Finlandia e entraba polo porto pontevedrés de Carril.

A planta de liño galego é de réxime anual, da familia das liñaceas, medra ata os 6 cm de altura e das súas fibras constitutivas da cortiza extráese a liñaza. Nace aos 13 días de sementala, florece a finais da primavera e tamén durante boa parte do verán. Coñécense máis de 100 especies e medra salvaxe en moitos lugares.

Estivo moi espallado por toda Galicia e, no rural, usábase para lenzos, teas, mantelerías ou encaixes, xa que se traballou o fío ata lograr que fose moi limpo e fino.

A súa vida no campo e no uso cotián acaba logo da II Guerra Mundial polas malas producións e primitiva preparación. Tamén polo feito de que o algodón, preparado en fábricas con moderna maquinaria, mellor feitura e cun prezo competitivo, inunda os obradoiros galegos.

O fío de algodón, polo tanto, é a fibra téxtil máis empregada para a realización do encaixe na actualidade.

OS PALILLOS

Os palillos son os utensilios que se manexan para trasladar o fío polos alfinetes e entrelazalo. A madeira é a materia prima para a sua realización; os artesáns facíanos a man e un a un, pero hoxe en día fanse mecanicamente no torno e en serie polo que se abaratou o seu prezo.

As madeiras usadas para a súa construción son as típicas da zona do artesán, dende a de buxo ata a de piñeiro, ainda que a primeira é a máis duradeira e a máis tradicional.

Podemos destacar a importancia da lonxitude, da anchura e do peso á hora de conseguir a velocidade desexada no traballo de encaixe e tamén un labor fino ou groso.

Nun palillo podemos diferenciar: o puño e o corpo, onde vai envolto o fío co que se fai o encaixe.

O PICADO

Denomínase picado á serie de buratos ou piques que se fan nun cartón e que son a base do labor que se vai realizar co fío. O picado vai enriba do lenzo. Para realizalo tense que preparar o modelo, logo pásase ao cartón que será de cor escura para diferencialo do encaixe que se faga, e mesmo do lenzo. Non leva o debuxo enteiro de todo o encaixe, senón que só é unha unidade do labor que terá todos os puntos e pares, o cal, repetido unha e outra vez, daranos o encaixe.

O picado é moi importante para facer un bo encaixe, polo que o sentido creativo do/da picador/picadora e a súa preparación técnica son elementos indispensables para a súa perfecta realización.

AS PALILLEIRAS

A artesanía do encaixe xira arredor das palilleiras, antes situadas soamente no contorno agrícola e /ou mariñeiro cun modo de vida común e agora tamén en vilas e cidades.

As palilleiras son mulleres pluriempregadas, con varias tarefas acotío. Ao principio, as mulleres de beiramar enchían o tempo de lecer con esta actividade, pero o traballo encaixeiro transformouse en complemento económico aos ingresos familiares. Ademais é un traballo autoxestionado, xa que ela mesma fai, busca, merca e vende todo o material necesario e o produto acabado.

A palilleira pode traballar soa na súa casa, que usa como taller, e nos motivos e tipos de encaixes que lle apeteza ou que mellor se venden, pero moitas delas fano en grupos de veciñas, asociacións, organizacións…

A FALA DAS PALILLEIRAS

  • ACAPARADOR/A: Intermediario/a, merca e vende encaixes con ganacia.
  • ALBAROQUE: Festa despois dunha exposición ou dun labor difícil
  • ALNA: Medida de lonxitude do dobre dunha vara
  • ANODAR: Ata-los palillos para logo enchelos co fío de palillar
  • ARTILLA: Tela que cobre o labor na tilla
  • CANDELEXA: Facho usado polas palilleiras no traballo polas noites
  • CAROLIÑO: Anaco pequeño de encaixe
  • COUCE: Remate ou extremo dun encaixe
  • FARREIRA: A palilleira con máis alegría da palillada.
  • FOL: Engurra que se fai no encaixe, cando non se fai dunha soa vez
  • GAITA: Palillo pequeño feito con madeira de buxo
  • GAÑO: Ganancia da palilleira polo labor feito.
  • LABRAR: Realizar un encaixe moi fermoso
  • MIÑA AMA: Encargada dunha palillada
  • PACA: Feixe de cartóns picados que levan pegada unha mostra do debuxo.
  • PALITROCAR: Ruído que fan as palilleiras ao mover os palillos
  • PALLETA: Chapa de madeira entre os cornos da almofada
  • PIQUES: Buratos onde se colocan os alfinetes
  • RARO: Encaixe máis aberto có seleto
  • REBULDAR: Xogos entre mozos e mozas en momentos de lecer na palillada
  • SARASA: Pano para cubrir o encaixe
  • SELETO: Encaixe moi mesto
  • SOLASOSO: Encaixe moi fermoso e ben feito
  • VARA: Unidade de medida da lonxitude das puntillas
  • VELLOUQUIÑA: Palilleira que vai para vella, pero aínda non o é.
Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa