
Un nobre irlandés chamado O´Connor fuxe por cuestión relixiosas, segundo algúns, da persecución que e raíña Isabel I de Inglaterra fixo contra os católicos e os calvinistas en todo o seu reinado (1558-1603).
Desembarcou coa súa nave en Portelo e, despois de atoparse cunhas terras moi semellantes ás que había na súa patria, cheas de verde e con mar e praias moi preto, dirixiuse a falar co Arcebispo de Santiago, para quen traía unha carta comendaticia do Papa.
O arcebispo, vendo o interese que amosaba por aquelas terras onde desembarcara, mandouno falar co Bispo de Mondoñedo, quen, xunto co seu Cabildo, lle entrega as terras de Pedrosa, onde levantou o seu pazo e no cal colocou o mascarón de proa da súa embarcación.
Este mascarón atópase no corredor, preto da porta da actual entrada, que dá cara o poñente e trátase dunha figura dun xinete montando nun cabalo.
As terras de Pedrosa pasan a pertencer ao Cabildo de Mondoñedo por un privilexio do 2 de Marzo de 1112, no que a raíña Dona Urraca doa estas terras ao Bispo de Nuño Alfonso. Parte destas terras pasarán aos Pedrosa, descoñecemos se mercadas ou dadas polo Bispo, e o resto eran levadas en foro pola devandita familia.
As relacións da familia Pedrosa co Cabildo eran boas e a el acudían a buscar os censos ou préstamos.
Os Pedrosa, aínda que só contaban co 10'9 % do total das terras da Parroquia de Lieiro, eran donos de todas as terras de cultivo de San Ciprián: A Veiga, Areas…e dalgunha casa. De aí que a xente do pobo, se quería unha horta para botar as súas patacas e outros cultivos, tiña que levarse ben co dono.
Isto trouxo consigo abusos dos Pedrosa, tantos que se conta que a un dos membros a piques estivo de costarlle a vida, xa que certos poboadores se confabularon para matalo, e pode que o conseguisen de non ser por un que foi correndo co conto ao señor Pedrosa, quen en agradecemento lle deu unha casa no Porto de San Ciprián.
Pazo dos Pedrosa
Mascarón da proa do barco