Marqués de Sargadelos Marqués de Sargadelos



Antonio Raimundo Ibáñez Gastón de Isaba y Llano Valdés
 

Nace en Ferreirela de Baxo, aldea de Santa Eulalia de Oscos (Asturias) o 17 de outubro de 1749 e morre en Ribadeo (Lugo) o 2 de febreiro de 1809.

É un exemplo do «home feito a si mesmo», pois naceu nunha familia fidalga con escasos recursos e chegou a converterse nun poderoso empresario. Ao ser seu pai escribán (un antigo notario), debeu de recibir a súa formación na propia casa familiar, para pasar despois a educarse no mosteiro de Vilanova de Oscos.

Posiblemente a debilidade económica da súa familia impídelle cursar estudos na Universidade e motiva a súa entrada para traballar na Casa Guimarán en Ribadeo. Ao morrer o dono da casa, Ibáñez foi nomeado administrador da mesma. Comenzou entón a escalada de negocios que provocará o seu ascenso económico e social. Comercia con aceite, viño, augardente, ferro e liño, chegando incluso a facerse armador de buques para controlar o transporte de mercadorías. A partires de 1780 os negocios crecen aíndan máis ao conseguir a licenza para comerciar coas Indias.

O aumento da experiencia e o capital lévano a emprender novas iniciativas comerciais e industriais con outros empresarios. Así, en 1784 funda a Real Compañía Marítima para incrementar as importacións de «liño de Rusia, ferro e aceiro de Suecia, potas de Burdeos e bacalao de Terranova», asociándose para iso co acaudalado maiorista compostelán José de Andrés García.

A súa carreira culmina coa construción, entre 1791 e 1806, do complexo industrial de Sargadelos, a pesar da oposición da nobreza e do clero. Nel instalará primero unha ferreiría e unha fábrica de fundición de ferro coado, dotada dun forno alto de carbón vexetal, e máis tarde unha fábrica de louza de concepción moderna que, apoiada na excelente calidade dos caolíns (arxilas brancas moi puras) da zona, acabaría converténdose na loucería máis importante de España durante o século XIX. Na actualidade, o Museo de Belas Artes de Asturias, en Oviedo, conserva unha apreciable colección de cerámica da mesma.

Ibáñez aparece neste tempo como un incipiente capitalista en competencia cos vellos poderes e desexoso do control dos campesiños. Esta situación provocaría un forte conflito social nos seus centros fabrís, que desembocou en 1798 nunha grande revolta. A partires deste suceso comenzará o declive de Ibáñez.

Co estalido da Guerra da Independencia en 1808, Ibáñez formou parte da Xunta de Ribadeo. Esta, no acoso do exército francés á vila, aceptou as condicións dos invasores. O pobo xulgouno como un acto de traizón e os membros da Xunta tiveron que ocultarse. Ibáñez, ao que viñan considerando como un afrancesado, foi interceptado o 2 de febreiro de 1809 ao fuxir de Ribadeo e asasinado en estrañas circunstancias.

Todo indica que o marqués foi unha vítima da tensión entre o vello e o novo. Os poderes tradicionais da nobreza e o clero opuxeron resistencia á modernidade dos seus proxectos e posiblemente fosen tamén os maquinadores da súa tráxica morte.

Ibáñez, home moi culto e de vasta erudición, é considerado como o introdutor do moderno capitalismo industrial en España. Exalta tamén o valor do home como fundamental e antepono a todo o demais.

Coñecido como Marqués de Sargadelos, o certo é que tal título, que en 1808 estaba tramitándose, no chegou a expedirse con todos os requisitos debido aos cambios políticos que trouxo o motín de Aranxuez e, meses máis tarde, a guerra da Independencia.
 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa